A AXENCIA DE DOAZÓN DE ÓRGANOS E SANGUE RATIFICA O SEU COMPROMISO COA CALIDADE COA RENOVACIÓN DO CERTIFICADO DO COMITÉ DE ACREDITACIÓN DA TRANSFUSIÓN
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
24 06 2024

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) ven de renovar o presente mes de xuño a certificación de calidade outorgada polo Comité de Acreditación da Transfusión (CAT). Esta acreditación salienta a consecución dos máis elevados estándares de calidade aplicados no eido sanitario a todas as unidades funcionais que integran ADOS: doazón, promoción, produción de compoñentes e almacenamento e distribución.

A Fundación CAT, organismo responsable de outorgar esta acreditación no ámbito da medicina transfusional, terapia celular e tisular, está integrada pola Sociedade Española de Hematoloxía e Hemoterapia e a Sociedade Española de Transfusión Sanguínea e Terapia Celular, os organismos de máis elevada consideración no eido da hemodoazón e hemoterapia a nivel nacional.

A acreditación CAT constata que, todos os procesos polos que a ADOS foi certificada, desenvólvense dentro dun sistema de xestión da calidade que abrangue a toda a estrutura da organización, implicando aos procesos de mellora continua.

Compromiso coa calidade

Desde o inicio das súas actividades, ADOS ten amosado o seu decidido compromiso coa calidade e a prestación do máis eficiente servizo a doantes e usuarios e usuarias do sistema público de saúde de Galicia. Neste sentido, a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, ten en marcha un programa de mellora continúa que establece a renovación periódica das acreditacións de calidade vixentes, así como a consecución de novas certificacións que impliquen o establecemento dos máis elevados estándares nas súas rutinas de traballo.

Neste sentido, lembrar que o Centro de Transfusión de Galicia, hoxe integrado na ADOS, foi o primeiro centro da súa categoría en obter un certificado de calidade ISO, acadando no ano 1998 a ISO 9002:1998, que mantivo desde hai 25 anos coas posteriores modificacións da norma e que se reflicten na ISO 9001:2015 da que dispón na actualidade. 

Así mesmo, desde a Unidade de Bioloxía Molecular e Histocompatibilidade (HLA) dispón da certificación da European Federation for Immunogenetics. A antedita unidade, responsabilizase, entre outras tarefas, do estudo analítico e xestión de doantes de medula ósea para o REDMO (Rexistro de Doantes de Medula Ósea). O REDMO atópase conectado cos rexistros mundiais de doantes de medula ósea, posibilitando, deste xeito, a busca de doantes compatibles.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde