A XUNTA PRIORIZA A GARANTÍA DOS DEREITOS DOS PACIENTES NO PLAN DE INSPECCIÓN DE SERVIZOS SANITARIOS 2024-2027
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
24 06 2024

O Consello da Xunta tomou conta na súa reunión de hoxe do informe sobre o Plan de inspección de servizos sanitarios para o período 2024-2027, que establece as liñas de actuación dos efectivos de inspección da Consellería de Sanidade para os próximos catro anos. 

A actividade da Subdirección Xeral de Inspección de Servizos Sanitarios supón unha garantía dos dereitos de pacientes e usuarios atendidos no sistema sanitario. Isto conséguese a través do control e supervisión das prestacións e actividades sanitarias, así como da avaliación dos centros, servizos e establecementos sanitarios públicos, concertados e privados e, en definitiva, unha garantía de eficiencia, calidade e seguridade na asistencia sanitaria dispensada á cidadanía. 

Para avanzar nese obxectivo, o plan marca como aspecto prioritario a tutela dos dereitos sanitarios dos pacientes, con especial atención á tramitación de reclamacións e suxestións presentadas pola cidadanía en relación coa asistencia sanitaria recibida e coas condicións de funcionamento dos centros, servizos e establecementos sanitarios. 

Igualmente, priorizaranse as auditorías de xestión dos centros sanitarios privados concertados co Servizo Galego de Saúde para garantir unha asistencia sanitaria de calidade. 

As novidades que recolle o novo plan son as seguintes: avaliar a xestión do transporte sanitario, revisar o cumprimento dos requisitos técnico-sanitarios de centros de medicina estética, centros de reprodución humana asistida e actividades realizadas coa utilización de células e tecidos, e, no ámbito dos medicamentos e produtos sanitarios, controlar os requisitos para a preparación e entrega de medicamentos en sistemas personalizados de dosificación. 

Outro aspecto relevante do servizo de inspección serán as actuacións que melloren factores asistenciais ou non asistenciais que inciden na prolongación innecesaria de procesos de incapacidade temporal (IT), centrada en colectivos con elevado índice de absentismo que superen a duración estándar. 

Deste xeito, o Plan de inspección de servizos sanitarios para o período 2024-2027 complementa outras actividades de inspección responsabilidade da Consellería de Sanidade como as levadas a cabo pola Inspección de Saúde Pública. Nese caso, son o garante para a cidadanía da protección dos riscos derivados de factores ambientais. Estas inspeccións realízanse nos ámbitos da seguridade alimentaria e da saúde ambiental para verificar o cumprimento da normativa dos establecementos alimentarios e doutras actividades relacionadas coa auga de consumo humano, as augas recreativas ou os produtos químicos, entre outras.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde