A XUNTA ACEPTA A CESIÓN DUN TERREO POR PARTE DO CONCELLO PARA A CONSTRUCIÓN DO NOVO CENTRO DE SAÚDE DE BECERREÁ
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
24 06 2024

A Xunta aceptou a cesión gratuíta dunha parcela por parte do Concello de Becerreá, para que a Consellería de Sanidade constrúa un novo centro de saúde neste municipio lucense que aumenta en case catro veces a súa superficie.

O Consello da Xunta aprobou na súa reunión desta mañá o acordo polo que se autoriza a aceptación da cesión do terreo para a construción do novo centro de saúde do municipio, feita a título gratuíto polo Concello de Becerreá a favor do Servizo Galego de Saúde.

Situado na rúa Volta Folgueiras, o terreo conta con 2.659 metros cadrados de superficie e permitirá a construción dunha nova infraestrutura sanitaria de atención primaria, dun espazo estimado de 2.000 m2. Así optimizaranse as prestacións sanitarias para as máis de 2.800 persoas que contan cunha tarxeta sanitaria adheridas ao actual centro de saúde. 

Ademais da poboación de Becerreá, o Punto de Atención Continuada (PAC) e os servizos de apoio deste centro sanitario (fisioterapia e saúde bucodental) atenderán tamén á poboación dos concellos de Cervantes, Pedrafita do Cebreiro, As Nogais e Navia de Suarna, acadando neste caso preto de 7.000 usuarios.

A futura infraestrutura substituirá o actual centro de saúde de Becerreá, un inmoble cuxa construción data do ano 1992 e cuxas dimensións e espazos comezan a ser insuficientes, de acordo co paulatino incremento da carteira de servizos que se vén producindo nos últimos anos.

O futuro centro de saúde mellorará dun xeito considerable a funcionalidade e a accesibilidade para os seus usuarios e profesionais. O equipamento sanitario disporá como novidade de 1 consulta de traballo social, 1 consulta de hixienista, 1 sala de técnicas, 1 sala polivalente e 1 sala de docencia, ademais das actuais 3 consultas de medicina, 3 consultas de enfermaría, 1 sala de toma de mostras, 1 consulta de pediatría e outra de enfermaría pediátrica, 1 consulta de matrona, 1 consulta para o programa da muller, 1 sala de docencia e 1 consulta de odontoloxía, ademais dunha consulta de fisioterapia e ximnasio.

No que atinxe ao Punto de Atención Continuada, a previsión é que o PAC dispoña dunha nova sala de observación e box para críticos, 2 consultas de medicina (unha máis que no actual centro) e tamén 1 consulta de enfermaría.

Así mesmo, modernizaranse e melloraranse as áreas de radioloxía e os espazos destinados ás tarefas de xestión.

Desde o ano 2009, a Xunta construíu ou reformou un total de 135 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre máis de 85.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as 4 que están actualmente en marcha (O Porriño, Moaña, o CIS Lalín e comarca de Deza e o CIS Olimpia Valencia en Vigo). No seu conxunto, a Administración autonómica investiu nos últimos 14 anos máis de 158 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde