A ÁREA SANITARIA DA CORUÑA E CEE DISPÓN DUN PLAN DE CONTINXENCIA PARA A ATENCIÓN PEDIÁTRICA NA COSTA DA MORTE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
26 06 2024

A Área Sanitaria da Coruña e Cee, sabedora da falla de médicos e especialmente de pediatras no período estival e máis en zoas de difícil cobertura, elaborou un plan de continxencia consensuado cos profesionais de pediatría e os xefes de servizo de atención primaria correspondentes. Con este plan, preténdese para facer fronte as distintas situacións que poidan acontecer ao longo do período estival 2024.

O compromiso desta xerencia é proporcionar unha atención axeitada á poboación infantil, evitando incertidume á cidadanía, de tal xeito que esta saiba en todo momento a que centro acudir.

Todas as vacantes están ofertadas e serán cubertas dende o mesmo momento no que se dispoña de candidatos.

Ante a ausencia dun facultativo de pediatría, xa sexa por motivos persoais ou vacacionais, e ante a falla destes no mercado laboral para cubrir baixas puntuais, a actividade na Área Sanitaria da Coruña e Cee organizouse de tal xeito que os puntos asistenciais estean operativos garantindo a atención e mantendo a oferta asistencial, sen repercutir na calidade da mesma.

Este Plan establece unha serie de medidas destinadas a determinados centros de saúde e consultorios, tanto en pediatría como en consultas de medicina xeral, sendo o obxectivo do mesmo manter todos os centros abertos.

Cobertura pediátrica

Galicia, dentro do contexto nacional, é unha das comunidades con maior taxa de cobertura pediátrica. En concreto na área sanitaria da Coruña e Cee é do 100% e o 81% dos Centros de Atención Primaria conta cun pediatra no cadro de persoal no propio Centro de Saúde.

Na actualidade atopámonos cunha dificultade para manter o cadro de persoal facultativo especialista en pediatría, xa que nestes últimos anos está a acontecer un déficit estrutural de profesionais en situación desemprego, tanto na nosa Comunidade Autónoma como no resto de España, o que dificulta a súa contratación. Situación que se ve agravada no período estival, onde concorren un maior número de ausencias, o que imposibilita a cobertura da totalidade das ausencias regulamentarias dos profesionais de pediatría.

Para paliar esta situación, faise necesaria a adopción de medidas para garantir a continuidade da atención pediátrica durante as ausencias regulamentarias dos profesionais de pediatría. Polo que o que este plan pretende é garantir o acceso á asistencia pediátrica por un equipo especializado (profesionais de pediatría e de enfermaría), todos os días da semana en centro/s de saúde de referencia, en xornada completa, favorecendo unha asistencia de mais calidade, permitindo a continuidade asistencial en aqueles procesos que requiran un período de observación e unha optimización do tempo diario de prestación asistencial. Isto conséguese coa designación dun Centro de Saúde de referencia, dotados de máis e mellores recursos, onde se garanta a presenza de pediatra, para dar unha cobertura aos pacientes dos concellos limítrofes, con mínimos desprazamentos para estes.​

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde