O SISTEMA QUENDAS ACTÍVASE NO SERVIZO DE REHABILITACIÓN DO HOSPITAL NOVOA SANTOS DO CHUF
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
27 06 2024

​O sistema de xestión de citas Quendas habilítase no Servizo de Rehabilitación no Hospital Novoa Santos do Complexo Hospitalario de Ferrol culminando a activación deste sistema nas consultas médicas do Complexo, a partir do vindeiro luns. Este sistema tamén está operativo case na totalidade dos Servizos de Atención Primaria da Área Sanitaria de Ferrol, concretamente nos centros de saúde de Fene; o de Fontenla Maristany, Caranza e Serantes, en Ferrol; no de Narón, en As Pontes e en Valdoviño.

Quendas é un sistema organizado de chegada dos pacientes ás consultas, que facilita e ordena o acceso, protexendo os datos e a intimidade da poboación. Comezou a funcionar no ano 2018, no Hospital de Día Oncolóxico do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, e no centro de saúde de Narón. Dende esa data, fóronse incorporando outras consultas ata estar completo xa o ámbito hospitalario.

Este sistema permite que a persoa que acude á cita solicitada acceda xa á súa quenda cando chega ó centro sanitario, coa súa Tarxeta Sanitaria, nas máquinas habilitadas para iso. Estas máquinas imprimen un papel cun código que se corresponde coa consulta á que hai que se dirixir e a quenda correspondente. Cando se chega a sala de espera, unha pantalla reflicte eses códigos, e indica cando corresponde o inicio da atención e a que porta dirixirse. En paralelo, o listado de códigos de citas vanse movendo cun son de aviso, para alertar o paciente que espera pola súa quenda. Este aviso de chegada pode facerse tamén agora a través da aplicación Sergas Móbil, obtendo na pantalla do teléfono os mesmos datos que se extraen no papel da máquina de quendas. 

Preservar a confidencialidade

Quendas implicou rematar co uso do nome e apelidos do paciente para o chamamento, preservando a confidencialidade da persoa. Ademais, axúdalle tamén na orientación xa que lle di, segundo o caso, a que andar do centro sanitario dirixirse, e a porta concreta na que lle corresponde a atención. Esta persoa sabe así a sala á que lle corresponde, a porta, e como vai o chamamento. Evita, igualmente, ó usuario a incerteza de saber se ten que esperar a que o chamen, ou ben avisar da chegada. 

Pola súa banda, o profesional sabe xa así cando chegou o paciente que lle corresponde, e que está na sala, o que lle permite chamalo directamente. Dálle liberdade tamén para que, se ten que facer unha actividade intermedia con ese paciente -probas ou resultados para o diagnóstico- poñelo en espera, e volver chamalo cando o precise. Este sistema tamén simplifica os trámites no caso de que sexa necesaria a atención dobre de facultativo e de Enfermaría, xa que permite a emisión da dobre cita.

Se hai algún problema coa Tarxeta Sanitaria, a causa de, por exemplo, un problema de lectura da banda magnética, é posible o acceso a Quendas co número do DNI. Unha vez máis, agradecer a colaboración das e dos profesionais, tanto sanitarios como non sanitarios, para poder pór en marcha esta iniciativa de mellora para a poboación.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde