A ASF ACTIVA EN COLABORACIÓN COA FAXPG O SERVIZO DE VIDEOINTERPRETACIÓN PARA PERSOAS XORDAS EN URXENCIAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
28 06 2024

​A Área Sanitaria de Ferrol activa, en colaboración coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), o novo servizo de videointerpretación que puxo en marcha a Xunta de Galicia para dar atención ás persoas xordas nas urxencias sanitarias, e que estará dispoñible 24 horas os 365 días do ano na sanidade pública. Así, no Servizo de Admisión e de Urxencias, as persoas xordas poderase conectar por videoconferencia cun intérprete cando sexa necesario.

Isto xa era posible nos Puntos de Atención Continuada, e agora habilítase tamén no Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. Para poder poñelo en marcha, colaborouse co persoal da Federación que acudía o pasado marzo ó propio centro para coñecer o ámbito das urxencias. 

Habilitáronse catro carros con portátil para a atención das urxencias tanto de adultos como pediátricas; e dúas tablets con soporte e brazos flexibles, unha en admisión de urxencias cando se chega ó centro, e outra no propio servizo de urxencias para poder levala comodamente onde sexa necesaria esa atención, e manipulala na postura máis axeitada para o tipo de asistencia que haxa que prestar. Igualmente, catro ordenadores dos boxes conteñen tamén este sistema de videointerpretación.

Comunicación entre persoal sanitario e a persoa xorda

Os mencionados dispositivos habilitados no Servizo de Admisión e Urxencias do CHUF poden contactar cunha plataforma que permitirá abrir videoconferencia cun intérprete de lingua de signos que facilite a comunicación entre persoal sanitario e as persoas xordas, sexan pacientes ou acompañantes. A plataforma conéctase cun servizo de videointerpretación que funciona 24 horas ó día e os 365 días do ano.

Como xa se dixo, o persoal da Federación realizaba unha visita e colaboraba co persoal implicado de urxencias e admisión desta Área Sanitaria ferrolá para dar conta e asesoramento nesta nova prestación; e, tamén, a Consellería de Sanidade contou con eles para preparar o material formativo que se facilita ás e ós traballadores dos servizos para familiarizarse con esta plataforma. Os e as profesionais teñen no seu portal de traballo interno, unha guía da ferramenta e este curso de autoformación.

A Consellería, no marco do acordo coa Federación, incorporara un técnico de apoio para que estea a disposición do Sergas, co obxecto de coordinar o proxecto e axudar nas novas necesidades de melloras ou de formación que requiran profesionais ou pacientes.

Lembrar por último que esta mellora enmárcase na colaboración entre a Federación, a Amtega e o Sergas. Deste xeito, a Federación acada para o colectivo de persoas xordas unha nova mellora na accesibilidade ós servizos públicos; a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) avanza na súa Estratexia Galicia Dixital 2030 para facilitar igualmente accesibilidade da administración a través da tecnoloxía; e, pola súa banda; o Sergas consegue dar un paso máis na universalización e mellor comunicación cos seus pacientes.


EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde