A XUNTA DESTINA 5,1 M€ Á ADQUISICIÓN DE TUBOS DE EXTRACCIÓN DE SANGUE E OUTRO MATERIAL PARA GARANTIR A RASTREXABILIDADE DAS ANALÍTICAS REALIZADAS NOS CENTROS SANITARIOS GALEGOS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
01 07 2024

O Consello da Xunta autorizou esta mañá o novo expediente de contratación do Servizo Galego de Saúde para a adquisición de tubos de extracción por baleiro, sistemas de rastrexabilidade e neveiras-contedores, con destino ás sete áreas sanitarias da rede pública galega. O Executivo autonómico investirá 5,1 millóns de euros para garantir a realización, o transporte e a análise de mostras biolóxicas extraídas nos diferentes centros do Servizo Galego de Saúde. 

O contrato autorizado terá unha duración inicial de tres anos e prevese a posibilidade de prórroga durante dous máis. 

Distribuído en 9 lotes, trátase da segunda compra centralizada que se fai deste tipo de material. Así, agárdase que con esta modalidade de contratación se acade un aforro de máis de 69.000 euros ao ano e de preto de 350.000€ -de estenderse o contrato durante 5 anos-.

Con este expediente, a Xunta dará resposta ás necesidades dos centros de saúde e hospitais galegos e ás das distintas especialidades dos seus laboratorios (Bioquímica, Hematoloxía, Microbioloxía, Xenética, Inmunoloxía).

En concreto, o primeiro dos bloques deste contrato inclúe a compra dunha ampla gama de tubos de extracción que posúen características diferenciadas, segundo os tipos de mostra que require cada técnica analítica: soro, plasma, sangue total, separación celular, etc. 

Entre eles destacan os tubos de bioquímica sen anticoagulantes -empregados para a medición do colesterol, a glicosa ou marcadores tumorais-; os tubos de citrato –para a obtención de información relacionada coa coagulación do sangue-; a compra de tubos de EDTA -destinados á realización de hemogramas e ao estudo das células do sangue-, ou os tubos con heparina de sodio e de litio –para a realización de análises bioquímicas-.

Por outra banda, o contrato incorpora un bloque referido á adquisición de tubos de coagulación,  e unha terceira epígrafe cuxa finalidade é a compra de neveiras-contedores con sondas integradas para garantir o proceso de xestión e rastrexabilidade durante a fase preanalítica o que permite a monitorización das mostras, dos tempos e das súas temperaturas, desde os puntos de extracción ata a súa chegada aos laboratorios de referencia.

Coa adquisición deste material, o Servizo Galego de Saúde seguirá a manter os máximos estándares da calidade asistencial e de seguridade no que atinxe á recollida de mostras biolóxicas e á súa posterior análise nos laboratorios da rede pública galega.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde