A AXENCIA DE DOAZÓN DE ÓRGANOS E SANGUE E O CENTRO COMERCIAL AS CANCELAS PROMOVEN UNHA CAMPAÑA ESPECIAL DE DOAZÓN DE SANGUE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
02 07 2024

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e o Centro Comercial As Cancelas, en Santiago de Compostela, levarán a cabo este xoves 4 de xullo unha campaña conxunta de doazón de sangue para incentivar a participación dos usuarios e usuarias e sensibilizar á cidadanía galega da importancia do solidario xesto da doazón de sangue nos meses de verán.

Deste xeito, unha unidade móbil de ADOS estará estacionada na entrada principal do Centro Comercial As Cancelas, das 09:30 ás 14:30 e das 15:30 ás 21:00 horas para atender a todas as persoas que desexen participar e todos os doantes recibirán, como agasallo, un vale por un refrixerio e a participación no sorteo dunha tarxeta regalo de inditex por valor de 60 euros, cortesía da dirección da xerencia do centro comercial.​

Compromiso solidario

Esta é a sétima ocasión na que as unidades móbiles de ADOS desenvolven unha campaña no Centro Comercial As Cancelas, acadando no transcurso das visitas precedentes un total de 126 doazóns de sangue. 

Neste sentido, a Axencia quere amosar o seu agradecemento á xerencia do C.C. As Cancelas polo  seu decidido apoio ás campañas de doazón de sangue, especialmente nos meses de verán, un período sensible, xa que os meses estivais presentan dificultades engadidas para manter estable o volume de doazóns de sangue necesarias para o mantemento do intenso labor asistencial dos hospitais galegos. ADOS lembra que, todos os días, son precisas entre 400 e 500 doazóns de sangue e, nos meses de verán, debido á deslocalización dos doantes habituais por mor das vacacións, é preciso reforzar o permanente chamamento á solidariedade que a Axencia traslada á cidadanía.

Concello solidario

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue salienta que, no pasado ano 2023, Santiago de Compostela foi a cidade galega con maior taxa de doazón de Galicia, xa que acadou o índice de 88 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, polo que quere trasladar a todos os veciños e veciñas deste concello o recoñecemento polo seu altruísmo e solidariedade.

Así mesmo, a Axencia quere amosar o seu agradecemento á xerencia do Centro Comercial As Cancelas polo seu decidido e constante apoio ás iniciativas destinadas a promover a doazón de sangue, recoñecemento que quere estender a toda as persoas usuarias que teñen participado activamente facendo unha doazón de sangue.

Para máis información, ADOS dispón do sitio web: ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto de información 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles. ​

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde