​O IDIS OBTÉN MÁIS DE 50M€ PARA INVESTIGACIÓN E BATE UN NOVO RÉCORD, SEGUNDO OS DATOS DA MEMORIA ANUAL 2023
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
02 07 2024

 

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2024.- O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) presentou os resultados da memoria anual do ano 2023 que volven bater un récord histórico para a entidade. A directora científica do IDIS, Mª Luz Couce, foi a encargada de dar a coñecer os avances obtidos no último ano, que consolidan ao centro como eixo da investigación sanitaria galega e biomédica de España, cun crecente nivel na captación de recursos e produción científica.

Segundo os datos presentados, o IDIS obtivo unha captación de fondos que supera os 50 millóns de euros (52.309.190€) en actividades de investigación, dos cales máis do 60 % corresponden a proxectos de investigación competitivos. Durante o acto, a directora científica quixo recoñecer o traballo realizado por todos os profesionais. “Esta memoria non é máis que o relato das vosas excelentes achegas ao Instituto; volvemos bater récords nos nosos indicadores. Grazas polo voso entusiasmo e dedicación diaria cun claro obxectivo: mellorar a saúde das persoas”, nas súas palabras.

Os fondos foron obtidos en 120 proxectos de ámbito nacional e internacional, 81 axudas de recursos humanos competitivas, así como 277 estudos clínicos e 411 contratos e servizos asinados con outras entidades. Os datos tamén reflicten un total de 16 spin-offs activas, 7 marcas rexistradas e 47 solicitudes de patentes. No que respecta a a produción científica, o Instituto publicou un total de 1.008 artigos, editoriais e revisións o pasado ano.

A directora científica aproveitou para poñer de relevo a necesidade dun edificio propio para o Instituto. “Vemos que os recursos crecen, a masa crítica tamén, pero necesitamos un espazo e novas instalacións. Esperamos que pronto o teñamos dispoñible para poder desenvolver a investigación dunha forma óptima”, sinalou Mª Luz Couce Pico, quen asegurou “seguir traballando para desenvolver ferramentas innovadoras e promover políticas que melloren a saúde das persoas”.

Neste sentido, a entidade está próxima a solicitar a reacreditación como Instituto ao ISCIII. “Sabemos que é unha carreira de fondo e este ano tócanos o sprint final, por iso solicitamos o voso apoio”, sinalou. Ao acto de presentación asistiron o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño; o xerente da área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Ángel Facio Villanueva; o reitor da USC, Antonio López; e a directora científica do IDIS, María Luz Couce Pico, quen deu a coñecer os resultados da memoria.

Proxección internacional

O alcance internacional do Instituto consolídase coa participación en 21 novos proxectos europeos. “A captación en proxectos internacionais supera os 7,2 millóns de euros; ademais o 45 % dos nosos traballos científicos xorden da colaboración internacional”, sinalou Mª Luz Couce Pico durante a súa intervención. Un total de 453 artigos foron publicados coa colaboración de grupos fóra de España.

A través do Plan Estratéxico 2023-2027, o IDIS estableceu unha folla de roteiro para os próximos cinco anos co obxectivo de impulsar a actividade do Instituto, “potenciando o progreso de terapias avanzadas, favorecendo a nosa posición en estruturas cooperativas a nivel nacional e internacional; así como optimizando os recursos e procesos de xestión estimulando unha cultura innovadora que facilite a translación de resultados á nosa sociedade”, sinalou Couce.

Captar e reter talento

En 2023, o IDIS estivo composto por un total de 1.338 persoas que se integran en 105 grupos de investigación, organizados en 7 áreas científicas: Oncoloxía; Xenética e Bioloxía de Sistemas; Endocrinoloxía, Nutrición e Metabolismo; Neurociencias; Plataformas e Metodoloxía; Cardiovascular; e Infectología, Inflamación e Vacinas. Durante a presentación de resultados, resaltaron o incremento do capital humano desde a creación do Instituto no ano 2008. O pasado ano, obtivéronse 81 novos contratos de persoal procedentes de axudas competitivas, ademais presentáronse 90 teses doutorais, o que reflicte o incremento da masa de investigadores da entidade e a relevancia da institución no ámbito académico.

“Non podemos esquecer que temos unha responsabilidade na captación e retención de talento, debemos proporcionar unha actividade formativa para as novas xeracións, por iso levamos a cabo un intenso labor mediante a organización de cursos, seminarios, congresos e actividades orientadas ao coñecemento”, sinalou a directora.

Más información sobre o IDIS

O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) nace en 2008 froito da colaboración entre a Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza (SERGAS) e a Universidade de Santiago de Compostela. Como eixo da investigación sanitaria galega, está acreditado polo Instituto de Saúde Carlos III xa desde o 2010. O seu obxectivo é identificar e desenvolver novas solucións que dean resposta aos problemas de saúde da sociedade. Cun equipo de 1.338 investigadores, 105 grupos de investigación, máis de 52 M€ de fondos captados no último ano, o IDIS contribúe co seu labor para incrementar o coñecemento da saúde e á consolidación da innovación no sector sanitario.

Saúdos.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde