A PSIQUIATRÍA DA ASF RECOLLE TÓDOLOS PREMIOS DO ENCONTRO INTERNACIONAL SOBRE TRATAMENTO ASERTIVO COMUNITARIO EN SAÚDE MENTAL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
02 07 2024

​Profesionais do Servizo de Psiquiatría do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol acadan a totalidade dos principais premios no 20 Congreso Internacional sobre Tratamento Asertivo Comunitario en Saúde Mental, que se celebrou entre o mércores 26 e o venres 28 de xuño, no Hospital San Agustín de Avilés. Neste lugar de encontro e foro de debate dos equipos de tratamento a domicilio de saúde mental, obtiveron o galardón á mellor comunicación oral e á mellor comunicación tipo póster entre o total de 43 traballos presentados. Unha quincena de profesionais da Área Sanitaria de Ferrol, tanto psiquiatras profesionais de Enfermaría, e residentes de ámbolos dous eidos, participaron activamente, presentando cinco comunicacións, dous relatorios e un taller. 

Lembrar que a Área Sanitaria de Ferrol ten longa traxectoria neste eido, xa que foi a primeira das Áreas de Galicia e terceira de España en aplicar esta modalidade de tratamento domiciliario dos pacientes con trastorno mental grave. Así, a mellor comunicación oral foi Abordaxe da conduta suicida mediante o Plan de Seguridade desde o Equipo de Tratamento Asertivo Comunitario, de Sara Vázquez Rumbo, residente de Enfermaría de saúde mental. E a mellor comunicación tipo póster foi Anxos ou demos? O papel dos medios de comunicación no estigma da enfermidade mental, de José Álvarez Vázquez, residente de Psiquiatría de Ferrol.

O Tratamento Asertivo Comunitario implica proporcionar ós pacientes con trastorno mental grave, fundamentalmente con diagnóstico de psicose (como esquizofrenia ou trastorno bipolar), asistencia sanitaria, social e rehabilitadora, a longo prazo, no seu propio entorno. Estes equipos conseguen que pacientes que terían que estar institucionalizados poidan vivir de xeito autónomo no seu ámbito habitual.

Conduta suicida e estigma mediático

No primeiro dos traballos galardoados, expúxose de xeito oral un proxecto de futuro no que está a traballar a Enfermaría de Psiquiatría da Área Sanitaria ferrolá co obxectivo de previr e controlar a conduta suicida, e establecendo un plan de seguridade en usuarios do ETAC (Equipo de Tratamento Asertivo Comunitario) da Área ferrolá. A través dun Plan Individual Terapéutico (PIT), coa valoración da Enfermaría a través dunha serie de escalas e patróns funcionais, elaboraríase un Plan de Seguridade co usuario. En diversas sesións, abordaranse cuestións básicas relacionadas co entorno, os sinais de alarma, as estratexias internas de afrontamento, e os contactos sociais, familiares, de amigos e de institucións. O eixo fundamental é o traballo “co usuario e non para o usuario”, subliñan. 

O outro primeiro premio, nesta ocasión na comunicación tipo póster, analizouse o estigma e os medios de comunicación, xa que o estigma asociado ás enfermidades mentais “é un problema persistente”. O obxectivo do traballo era analizar como os medios de comunicación contribúen a ese estigma ou non, e avaliar a efectividade das intervencións mediáticas para a súa redución. Para, iso realizaron unha análise dos contidos de artigos, programas e entrevistas, entro outros. Os estudos foron seleccionadas a partir de informes e publicacións en repositorios académicos en sitios web especializados en saúde mental. 

Conclúen, tras esta análise, que a poboación recibe o 90% de información sobre saúde mental nos medios de comunicación, e que “os medios inflúen negativamente en como o público percibe a enfermidade mental”, xa que a miúdo o impacto é negativo e estereotipado, relacionado coa violencia ou a imprevisibilidade. “Os estudos indican que as campañas de sensibilización son máis efectivas se se centran na educación e a comprensión en lugar de simplemente contrarrestar as representacións negativas”, matizan. Destacan que “os medios teñen o potencial de ser unha ferramenta poderosa contra o estigma”. 

Traballo en equipo para normalizar a enfermidade mental

Un total de seis profesionais (un psiquiatra, catro profesionais do ámbito da Enfermaría, e un traballador social) traballan no Equipo de Tratamento Asertivo Comunitario desta Área, potenciando a atención no domicilio de entre 90 e 100 pacientes con trastorno mental grave. Nestes dispositivos domiciliarios, vense fundamentalmente pacientes que requiren atención urxente a miúdo, ou pacientes con dificultades para adherirse ó tratamento, que, ó non ser conscientes da enfermidade, non acoden ós distintos dispositivos para a súa atención. 

Precisamente relacionado co estigma, no encontro galego sobre esta modalidade de atención, que se celebraba en Ferrol hai escasas semanas, afirmábase que son ata o 10% do total dos pacientes con trastorno mental grave os que se poden beneficiar da intervención do ETAC, xa que, dicía Alberto Durán Rivas, responsable do Servizo de Psiquiatría do Complexo, “hai moito estigma sobre enfermidades como a esquizofrenia ou o trastorno bipolar, pero a inmensa maioría destes pacientes viven no seu entorno familiar e social cunha vida normalizada por mor dos controis e tratamentos actuais”.

Lembrar igualmente que o Plan de Saúde Mental de Galicia reforzou estes dispositivos; e Galicia é a única Comunidade Autónoma na que está regulada por lei a existencia de ETAC na totalidade das Áreas Sanitarias. O Servicio de Psiquiatría da Área Sanitaria ferrolá traballa segundo ese modelo comunitario; nunha rede de saúde mental comunitaria, a Unidade de Saúde Mental adopta unha posición central, sendo os seus profesionais os garantes da continuidade de coidados dos pacientes con enfermidade mental grave. Nesta Área, a atención estrutúrase basicamente nas citadas Unidades de Saúde mental, nos dispositivos de Hospitalización, na Atención a adiccións e na Área de Rehabilitación Psicosocial.

Dentro deste ámbito da Rehabilitación Psicosocial, cóntase co Hospital de Día Psiquiátrico, que é un punto forte desta Área, xa que acoden tanto paciente crónicos como subagudos, evitándose deste xeito moitos ingresos hospitalarios. Xunto ó Hospital de Día, están tamén estes Equipos de Tratamento Asertivo Comunitario (ETAC), para o seguimento domiciliario. Súmase a estes dous dispositivos o Centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral para pacientes psicóticos crónicos con importante deterioro.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde