A AXENCIA DE DOAZÓN DE ÓRGANOS E SANGUE LEVA A CAMPAÑA “SOMOS OLÍMPICOS” ATA RIBEIRA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
03 07 2024

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) leva o xoves 4, o venres 5 e o sábado 6 de xullo ata Ribeira, a campaña especial de doazón “Somos Olímpicos,” que tenta sensibilizar á cidadanía galega da importancia do solidario xesto da doazón de sangue nos meses de verán.

Deste xeito, unha unidade móbil de ADOS estará estacionada diante do xeriátrico de Ribeira o xoves, de 16.15 ás 21.00 horas; o venres, das 10.15 ás 14.00 e das 16.15 ás 21.00; e o sábado, de 10.15 ás 14.30; para atender a todas as persoas que desexen participar. Ademais, o venres ao carón da unidade móbil disporase unha montaxe alusiva aos Xogos Olímpicos e todos os doantes recibirán durante estes tres días, como agasallo, unha camiseta co lema da campaña.

Esta iniciativa desenvolverase en 23 concellos galegos e forma parte da campaña especial de doazón de sangue nos meses de verán, un período especialmente sensible, xa que os meses estivais presentan dificultades engadidas para manter estable o volume de doazóns de sangue necesarias para o mantemento do intenso labor asistencial dos hospitais galegos. ADOS lembra que, todos os días, son precisas entre 400 e 500 doazóns de sangue e, nos meses de verán, debido á deslocalización dos doantes habituais por mor das vacacións, é preciso reforzar o permanente chamamento á solidariedade que a Axencia traslada á cidadanía.

Concello solidario

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue salienta que, no pasado ano 2023, Ribeira rexistrou un total de 1.369 doazóns de sangue, o que supuxo a obtención dun índice de 51 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, situándose entre os concellos con maior taxa de doazón da provincia de A Coruña. Neste sentido, ADOS quere trasladar a todos os veciños e veciñas deste concello o seu recoñecemento polo seu altruísmo e solidariedade.

Así mesmo, a Axencia quere amosar o seu agradecemento á corporación municipal polo seu decidido e constante apoio ás iniciativas destinadas a promover a doazón de sangue, tanto nesta campaña especial “Somos Olímpicos”, como no resto de visitas das unidades móbiles de ADOS desenvolvidas en Ribeira durante todo o ano.

Para máis información, ADOS dispón do sitio web: ados.sergas.gal​, as redes sociais, e o teléfono gratuíto de información 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde