A ÁREA SANITARIA DE PONTEVEDRA E O SALNÉS HOMENAXEA 115 PROFESIONAIS XUBILADOS DOS SEUS CENTROS ASISTENCIAIS DURANTE O PASADO ANO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
03 07 2024

O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, participou no acto de homenaxe, celebrado no edificio administrativo da Xunta en Pontevedra, para 115 profesionais xubilados durante o pasado ano 2023 do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, coma no Hospital do Salnés e na rede de centros de atención primaria da área. 

Nas súas palabras, o xerente do Sergas recoñeceu a profesionalidade do persoal que se despediu. “Non só configurades un exemplo do que é a gran familia da área sanitaria de Pontevedra e Salnés, senón que sodes un exemplo de que a sanidade pública galega ten no seu persoal o seu capital máis importante”, sinalou José Ramón Parada. 

Pola súa banda, o delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Agustín Reguera, quen remarcou o legado do persoal da sanidade pública: “Aínda que vos pareza que a vosa vida xa non está no hospital ou no centro de saúde, hai decenas de profesionais que coincidiron con vós e aos que, de seguro, influístes de algún modo”.

No acto tamén participaron o xerente da área sanitaria, José Flores, e a directora de Recursos Humanos da área de Pontevedra e O Salnés, Mercedes Castro. No seu discurso, Flores agradeceu a súa dedicación durante todos estes anos ao persoal xubilado e fíxolles un chamamento para que, independentemente da súa xubilación como persoal activo, “non se afasten dunha institución da que sempre formarán parte”. 

Intervencións de Esperanza Barro e Emilio Arruti

A homenaxe comezou coa entrega de agasallos aos profesionais asistentes á cerimonia e continuou coa lectura de honor dos nomes dos traballadores xubilados. En representación deste colectivo interviron a matrona Esperanza Barro e o médico do servizo de urxencias Emilio Arruti.

Ambos profesionais xubilados rememoraron vivencias dun tempo sanitario que cimentou na comarca de Pontevedra e O Salnés un servizo público que continúa na actualidade en permanente avance e con novos retos e compromisos para preservar e promover a saúde da poboación.

Os profesionais homenaxeados recibiron tamén unha tarxeta dourada que lles identifica como persoal xubilado da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés que, segundo expresaron as autoridades asistentes, corrobora que este colectivo continúa a ser unha importante parte deste servizo sanitario público e que, como tal, será sempre recoñecido.

Clausurouse o acto coa actuación da Coral Polifónica “O CHOPO” e cunha foto de familia no exterior do edificio administrativo da Xunta en Pontevedra.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde