A XUNTA LICITA POR PRETO DE 2,9 MILLÓNS DE EUROS AS OBRAS DO NOVO CENTRO DE SAÚDE DA RÚA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
03 07 2024

A Xunta licitou hoxe por preto de 2,9 millóns de euros as obras do novo centro de saúde da Rúa.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, presentaron hoxe a proxecto de construción do novo centro de saúde do municipio. Neste acto tamén participaron a alcaldesa da Rúa, María Albert, e o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo.

Martínez Allegue deu conta do primeiro paso para a materialización dunha actuación “que situará ao municipio á vangarda da atención sanitaria”, coa licitación hoxe do que será este novo centro de Atención Primaria que contará cunha superficie que superará os 1.300 m2, e acollerá as consultas, salas e espazos requiridos pola Consellería de Sanidade para cumprir co plan funcional elaborado para dar o mellor servizo sanitario aos rueses.

Pola súa banda, Gómez Caamaño, fixo fincapé na repercusión para a veciñanza xa que “este centro duplicará a superficie do actual, mellorará en accesibilidade e, o que é máis importante, incorporará servizos como a consulta de enfermería pediátrica, a sala de educación sanitaria e o programa da muller”.

Incidiu en que o novo centro estará deseñado para cubrir todas as necesidades da poboación, con áreas específicas para adultos, pediatría e a atención á muller. O novo equipamento inclúe 3 consultas de medicina xeral, unha sala polivalente, 3 consultas de enfermería, unha sala de técnicas, consulta pediátrica, unha sala de lactancia e consulta de enfermería pediátrica, ademais de espazos dedicados á saúde da muller e á educación para a saúde. 

As empresas interesadas en executar a obra contan cun prazo de presentación de ofertas que remata o 29 de xullo, e teñen un prazo aproximado de finalización de 18 meses.

Martínez Allegue avanzou a previsión da Xunta de poder iniciar as obras neste outono, esperando velo rematado o antes posible para que os veciños e veciñas, e por suposto, todos os profesionais do Sergas, poidan facer uso del.

Tal e como indicou a conselleira, a execución desta infraestrutura sanitaria xurde da colaboración coa Consellería de Sanidade e o Concello da Rúa, sendo para o departamento que dirixe “un orgullo poñer a nosa experiencia en xestión de obras públicas, co obxectivo de garantir a mellor atención sanitaria posible aos cidadáns”. 

Martínez Allegue destacou na concepción construtiva e de instalacións do edificio, de dúas plantas, a luz natural como elemento clave, “aportando ademais de aforro enerxético, un ambiente que invita á calma”, remarcou. 

Puxo o acento nos elementos que definirán este novo centro de saúde, como a luz, os acabados axardinados, as soleiras elevadas, que ademais contará con paneis fotovoltaicos e un sistema de compartimentación que permitirá o axeitado tratamento do aire no interior do edificio. “Non podemos esquecer que as altas temperaturas nesta zona no verán”, lembrou a conselleira.

Tamén destacou o acceso ao recinto, que se fará desde unha zona exterior cuberta cun cortaventos xeneroso e a través dun amplo vestíbulo inmediato á zona de recepción. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde