GALICIA ACADA A CIFRA DE 15.000 DOANTES NO REXISTRO ESPAÑOL DE DOANTES DE MEDULA ÓSEA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
04 07 2024

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) salienta a consecución, esta semana, do doante de medula ósea número 15.000, que entra a formar parte do REDMO (Rexistro Español de Doantes de Medula Ósea). Neste sentido a Axencia, quere salientar o carácter solidario dos galegos e galegas que se teñen comprometido con este xeito de doazón, do que ADOS é centro de referencia en Galicia para a súa tipaxe desde o ano 1998.

Desde a Axencia saliéntase a elevada taxa de transplante de proxenitores hematopoéticos (popularmente coñecido como transplante de medula ósea) de Galicia que foi, no pasado ano, de 92,6 transplantes por millón de habitantes, cifra que supera en 15 puntos a media nacional (77 por cada millón de habitantes). Ademais, no ano 2023 houbo 15 galegos que doaron medula a persoas que o precisaron.

Plan nacional

Actualmente, ADOS está implementando as medidas correspondentes ao desenvolvemento da terceira fase do Plan Nacional de Medula Ósea, dentro da Estratexia Nacional de Transplante de Proxenitores Hematopoéticos para os anos 2020-2025 (ENTPH).

Un dos aspectos máis salientables da ENTPH, e no que a Axencia de Doazón e Órganos e Sangue está a traballar intensamente, é o programa de accións encamiñadas a mellorar o coñecemento da actividade de transplante de proxenitores hematopoéticos. 

Neste sentido, salientar que a Unidade de Bioloxía Molecular e Histocompatibillidade de ADOS dispón dunha certificación da European Federation for Immunogenetics (EFI), desde o ano 1998, renovada periodicamente. Esta unidade, foi recentemente reformada e modernizada, dispoñendo da tecnoloxía máis avanzada e dando conta do esforzo e compromiso da sanidade pública galega a prol deste xeito de doazón.

Colaboración coas organizacións

Así mesmo, dentro de ENTPH, promovida conxuntamente entre a Organización Nacional de Transplantes (ONT) e as comunidades autónomas, un aspecto fundamental é a promoción da doazón e actividades desenvolvidas con asociación de doantes, para tentar mellorar e incrementar o coñecemento sobre este xeito de doazón.  Nesta liña de traballo, ADOS leva anos desenvolvendo iniciativas conxuntas con entidades como ADROVI, ASAMPO, FRANGIL e ASOTRAME. 

En Galicia desenvólvense, de forma permanente, distintas campañas de promoción  da doazón e actividades en colaboración con diferentes asociacións relacionadas co transplante de proxenitores hematopoéticos, co obxecto de mellorar a información que recibe a cidadanía e sensibilizar sobre a necesidade de contar cunha base de doantes adecuada. Neste eido, lembrar que, ao longo do presente curso académico, levaronse a cabo actividades de carácter divulgativo e de promoción, como charlas ou instalación de mesas informativos, no eido educativo, co gallo de desenvolvemento da campaña de doazón en centros educativos de ensino universitario e non universitario en Galicia. 

Salientar, ademais, que todos os estudantes universitarios galegos puideron tomar parte na IX edición do Concurso Universitario de Curtametraxes relacionado coa doazón e o transplantes de medula ósea, promovido desde a Coordinación Autonómica de Transplantes de ADOS e do que se coñecerán os traballos premiados o vindeiro mes de setembro, co gallo do Día Mundial do Doante de Medula Ósea.

Redes sociais

Desde ADOS realÍzase unha importante campaña de comunicación a través de redes sociais (Facebook, X, Instagram), así como elaboración de contidos (YouTube), coa participación dos doentes e doadores, para dar a coñecer o valor dun transplante de medula ósea desde a perspectiva de quen o recibe. 

Por último, salientar a positiva evolución no número de doantes inscritos por Galicia no REDMO ao longo do pasado ano 2023  que acadou a cifra de 870 doantes , circunstancia que evidencia a positiva evolución do programa de promoción e captación do doantes de medula ósea. Neste sentido, desde a ADOS amosar o sincero recoñecemento a todas as persoas que se teñen inscrito como doantes de medula ósea porque, grazas ao seu compromiso solidario, moitas persoas poden solucionar graves problemas de saúde e, mesmo, salvar as súas vidas.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde