​O SERGAS E AS TRES UNIVERSIDADES GALEGAS PRORROGAN OS SEUS CONCERTOS NA PROCURA DE OPTIMIZAR A FORMACIÓN DOS PROFESIONAIS SANITARIOS GALEGOS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
04 07 2024
 

O Servizo Galego de Saúde e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo veñen de asinar unha nova prórroga dos concertos subscritos entre estas institucións para o emprego das institucións sanitarias con finalidades docentes, asistenciais e de investigación. 

O Executivo galego destinará un orzamento global de 5.289.479 euros para renovar unha colaboración que ten por obxectivo acadar a excelencia formativa dos futuros profesionais sanitarios. Neste senso, a Xunta incrementa este ano nun 10%, en 516.592 euros, a partida destinada ao conxunto destes concertos. 

Os convenios de cooperación entre o departamento sanitario da Xunta e as universidades galegas estenderanse desde o 1 de xullo do ano 2024 até o 30 de xuño de 2025.  

O Servizo Galego de Saúde e as tres universidades galegas manteñen esta colaboración desde o ano 2001, establecéndose uns acordos que posibilitan que os profesionais do Sergas compatibilicen a súa actividade asistencial coa actividade docente e investigadora.  

O orzamento destes acordos está destinado a financiar todos os custos de persoal derivados da dispoñibilidade para a docencia pregraduada, posgraduada e continuada dos profesionais, así como o cumprimento dos acordos e obxectivos específicos adquiridos coa colaboración, entre os que destacan: a formación do alumnado das especialidades das Ciencias da Saúde e o obxectivo conxunto de acadar uns mellores profesionais sanitarios e a máxima calidade asistencial para a poboación.

A Xunta ratifica o seu compromiso coa formación do alumnado, ao poñer á disposición do sistema universitario galego todos os recursos dos que dispón o Servizo Galego de Saúde.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde