​O HOSPITAL MONTECELO ACOLLE UN CURSO DE SIMULACIÓN CIRÚRXICA EN OFTALMOLOXÍA PARA RESIDENTES DURANTE TODO O MES DE XULLO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
05 07 2024

A área de docencia do Hospital Montecelo acolle dende onte, 4 de xullo, e ata o 29 de xullo un curso de simulación cirúrxica en Oftalmoloxía dirixido a médicos residentes, que promove a Sociedade Galega de Oftalmoloxía a través do Servizo de Oftalmoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP), en colaboración coa Universidade Francisco de Vitoria e Johnson&Johnson.

Estas xornadas teñen unha duración dunhas 30 horas entre parte teórica e práctica, en quendas de mañá e tarde, e están dirixidas a oftalmólogos en formación de segundo, terceiro e cuarto anos de residencia, os cales proceden dos complexos hospitalarios universitarios de Santiago, Vigo, Ourense e da propia Pontevedra. De xeito simultáneo, esta mesma formación impártese no Hospital Naval de Ferrol para a rede sanitaria pública da zona norte do Sergas durante a primeira quincena do mes. En total, participan arredor de 30 MIR de Oftalmoloxía de toda Galicia.


A sede de Pontevedra conta nun principio con dous simuladores en sistema 3D, e a partir do 19 e ata o 29 de xullo, engadiranse dous máis. Esta tecnoloxía de realidade virtual de alta fidelidade permite aos residentes adestrarse en todo tipo de cirurxías intraoculares, pero sobre todo nos procedementos de catarata e de vítreo-retina, sen risco de complicacións nos pacientes e de xeito case autónomo co apoio dun titor.


Cómpre sinalar que a Oftalmoloxía é unha especialidade médico-cirúrxica cuxo número de intervencións abarca ao redor do 20% de todas as intervencións realizadas na Sanidade Pública galega.


Catarata, a cirurxía máis frecuente

Segundo subliña o xefe de Servizo de Oftalmoloxía do CHUP, o doutor Eloy Viso Outeiriño, “tal cantidade de operacións, que estimamos que seguirá aumentando no futuro, débese principalmente ao envellecemento da poboación de Galicia e as maiores demandas visuais e de calidade de vida. De todas as cirurxías realizadas nos nosos quirófanos de Oftalmoloxía da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, a máis frecuente é a de catarata, que supón en torno ao 65% dos partes cirúrxicos, e que no conxunto do sistema sanitario español acada un número superior ao medio millón de cirurxías ao ano”.


As tecnoloxías de simulación empréganse en profesións que esixen unha formación complexa, tales coma a aeronáutica, transportes e sanidade. Cómpre sinalar que a nivel oftalmolóxico internacional, a asistencia a cursos de simulación de microcirurxía adoitan representar un requisito obrigatorio antes de que os profesionais comecen a efectuar técnicas cirúrxicas intraoculares.


EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde