​A XUNTA LICITA POR MÁIS DE 700.000 EUROS A OBRA DA NOVA UNIDADE DE REHABILITACIÓN CARDÍACA DO HOSPITAL ÁLVARO CUNQUEIRO DE VIGO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
05 07 2024
 

A Xunta publicou hoxe no Portal de Contratos de Galicia a licitación, por 711.938 euros, das obras de creación dunha nova área de rehabilitación cardíaca no Hospital Álvaro Cunqueiro en Vigo.

A nova unidade estará composta por unha zona de exercicio físico cun ximnasio monitorizado, unha sala vital (con toma de osíxeno, aspiración e carro de parada con desfibrilador/marcapasos), vestiarios e aseos, unha sala de ergometría, consulta de cardioloxía, consulta médica de rehabilitación, consulta multifuncional e unha sala de traballo e reunións.

Así, o equipo multidisciplinar formado por profesionais de cardioloxía, uroloxía, medicina rehabilitadora, enfermería, fisioterapia, psicoloxía, nutrición, farmacia e traballo social poderán deseñar programas individualizados para pacientes que sufriron unha patoloxía cardíaca aguda (un infarto ou unha intervención coronaria) nunhas instalacións renovadas e de maior amplitude, chegando a arredor de 350 m2.  

O obxectivo da unidade é reducir o risco de mortalidade, dun novo infarto e de rehospitalización, ademais de controlar factores de risco cardiovascular e axilizar a reincorporación do doente á vida habitual e laboral nas mellores condicións. Isto conséguese a través dos plans personalizados marcados polo equipo da unidade e que inclúen exercicios de adestramento para realizar coas máquinas do ximnasio do hospital, o tratamento pautado e recomendacións de dieta e hábitos de vida saudables.

As empresas interesadas no contrato da obra da unidade teñen de prazo o 31 de xullo para a presentación de ofertas. Unha vez adxudicado, a duración prevista dos traballos é de seis meses.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde