​A XUNTA INFORMATIZARÁ AS UNIDADES DE CRÍTICOS DOS HOSPITAIS DO SERVIZO GALEGO DE SAÚDE INCORPORANDO A INTELIXENCIA ARTIFICIAL E UN SISTEMA DE ALERTAS DE APOIO ÁS DECISIÓNS SANITARIAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
05 07 2024
 

A Xunta publica no Portal de Contratos de Galicia a contratación, mediante acordo marco cun único empresario, do subministro e implantación dun sistema de información para as unidades de críticos das áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde. O proxecto, que permitirá informatizar todas as unidades, ten un valor estimado de 2,4 millóns de euros e está cofinanciado pola Unión Europea, a través do Programa FEDER de Galicia 2021-2027. 

Mediante este contrato incorporaranse modelos de intelixencia artificial baseados no uso de algoritmos preditivos para un sistema de xestión de alertas e eventos, coñecendo o estado dos pacientes de xeito instantáneo. Isto axudará á toma de decisións do persoal sanitario e dotará as unidades da capacidade para realizar a análise de datos para a elaboración de estudos e investigacións ou para o desenvolvemento de protocolos de atención.

Ata o momento, os hospitais públicos das áreas sanitarias de Vigo e da Coruña e Cee xa contaban con sistemas de informatización nas unidades de críticos e as cinco áreas restantes tamén dispoñen de dispositivos e equipamentos con diferentes capacidades de envío automático de datos. Polo tanto, o novo proxecto do Servizo Galego de Saúde engade a integración destes equipamentos para a incorporación automatizada dos datos xerados.

O sistema recollerá e tratará toda a información do paciente en tempo real, incluíndo os datos na súa historia clínica. Ademais, permitirá compartir a información entre as distintas áreas do Servizo Galego de Saúde, facilitará a organización do persoal das unidades de críticos e permitirá o uso de sistemas de apoio á toma de decisións. 

As unidades de críticos (UCI de adultos polivalente, UCI coronaria, UCI pediátrica, UCI neonatal, unidades de anestesia e reanimación poscirúrxica ou unidades de críticos nos servizos de urxencias) rexistran e almacenan unha gran cantidade de información volátil procedente de sistemas de monitorización e dispositivos electromédicos. En concreto, a monitorización hemodinámica (por exemplo, tensión arterial), respiratoria (aire expirado ou sistemas de ventilación mecánica), neurolóxica (datos de electroencefalograma), neuromuscular (perda transitoria de consciencia), de temperatura ou medicacións (recollida de datos procedentes de bombas de infusión intelixentes).

Despois da formalización do contrato, o sistema de información instalarase en todos os hospitais das áreas sanitarias de Ferrol; Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos; Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras; Pontevedra e O Salnés; e Santiago de Compostela e Barbanza ao longo dos anos 2025 e 2026. 

O prazo de presentación de ofertas remata o próximo 5 de agosto ás 14.00 horas.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde