​CAAMAÑO DESTACA A CONTRIBUCIÓN DE MARISA CRESPO Á SANIDADE PÚBLICA GALEGA NO SEU NOMEAMENTO COMO FILLA PREDILECTA DA PROVINCIA OURENSE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
06 07 2024
 

Antonio Gómez Caamaño, participou este mediodía no acto de nomeamento da doutora Marisa Crespo Leiro como filla predilecta da provincia de Ourense. Na súa intervención remarcou a súa “decisiva contribución” para conseguir facer avanzar a medicina na comunidade galega.

Caamaño incidiu en que a doutora Crespo é unha “das responsables de que Galicia sexa referente no ámbito da cardioloxía” destacando as súas achegas científicas vinculadas á insuficiencia cardíaca e aos transplantes de corazón.

“A doutora Crespo é unha galega de honra, a provincia de Ourense fai ben en reivindicar como propia a orixe dunha das profesionais que contribúen a que Galicia teña un sistema público de saúde do que sentirnos orgullosos”, remarcou o titular de Sanidade da Xunta. 

No transcurso da súa intervención, Gómez Caamaño salientou o traballo da doutora Crespo ao longo da súa traxectoria profesional, un labor que lle valeu diversos recoñecementos a nivel nacional e internacional, e que abrangueu tanto o eido asistencial, como os da investigación e  o da divulgación científica. 

“En nome da Consellería de Sanidade, grazas por todos estes anos de traballo e contribucións á saúde na nosa comunidade”, concluíu Gómez Caamaño. 

Unha vida dedicada á cardioloxía

A doutora Crespo licenciouse en Medicina na Universidade de Santiago de Compostela, especializándose en Cardioloxía no Hospital Porta de Hierro de Madrid, e doutorándose na Universidade Autónoma de Madrid. Tras desempeñar o seu labor como cardióloga no Hospital Virxe da Saúde de Toledo, ingresou no Servizo de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, onde exerce como xefa de sección da área de Insuficiencia Cardíaca.

Así mesmo, coordina o Grupo de Investigación de Insuficiencia Cardíaca avanzada do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC) e é xefa de Grupo no CHUAC do Centro de Investigación Biomédica en Rede Cardiovascular (CIBERCV) do Instituto de Saúde Carlos III. En outubro de 2023, foi nomeada vicepresidenta electa da Sociedade Española de Cardioloxía.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde