​A XUNTA CENTRALIZA POR PRIMEIRA VEZ O CONTRATO DE SUBMINISTRACIÓN DE SUTURAS MECÁNICAS PARA O SERVIZO GALEGO DE SAÚDE CUN AFORRO ESTIMADO DE CASE 400.000 EUROS AO ANO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
08 07 2024
 

O Consello da Xunta autorizou hoxe a contratación da subministración sucesiva de suturas mecánicas para as sete áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde por un valor estimado de 20.267.411 euros durante tres anos. 

Trátase da primeira contratación centralizada deste material coa que se garante a equidade na sanidade pública de toda Galicia e, ademais, espérase obter un aforro de 390.773 euros ao ano, o que supón unha redución media do 5% con respecto aos prezos actuais.

A finalidade da contratación dos produtos necesarios para realizar suturas cirúrxicas mediante o uso de dispositivos que empregan grampas ou clips é cortar ou grampar principalmente órganos internos, vasos sanguíneos e pel. 

Grazas a estes dispositivos a unión do tecido é segura e precisa, ademais de proporcionar menor traumatismo, menor risco de contaminación polo contido das vísceras, redución de tempos cirúrxicos e diminución de complicacións postoperatorias.

As suturas mecánicas empréganse en intervencións como cirurxías gastrointestinais, torácicas, xinecolóxicas ou bariátricas, entre outras.

A licitación do contrato autorizada hoxe polo Consello da Xunta divídese en 21 lotes para atender as diferentes características físicas e funcionais de cada sutura e que son necesarias para resolver as distintas cirurxías. Ademais, a división por lotes, cos seus respectivos sublotes, garante unha economía de escala que fomenta a redución dos custos e o acceso aos contratos especialmente de pequenas e medianas empresas fabricantes e distribuidoras.

O contrato prevé a posibilidade de ser prorrogado ata un máximo de cinco anos. Nese caso, o valor estimado ascendería aos 37,8 millóns de euros. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde