A XUNTA INICIA A TRAMITACIÓN DO DECRETO QUE REGULARÁ A ENTREGA DE MEDICAMENTOS A DOMICILIO PARA PACIENTES DEPENDENTES OU RESIDENTES EN ZONAS ILLADAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
08 07 2024

O Consello da Xunta tomou razón do inicio da tramitación do anteproxecto de decreto polo que se regulan as condicións e os requisitos para a entrega de medicamentos e produtos sanitarios en supostos especiais.

O obxectivo da regulación que propón a Consellería de Sanidade é facilitar a asistencia a pacientes que residan en zonas rurais illadas ou que sexan dependentes, cando exista perda de autonomía funcional e necesidade de coidados por padecer enfermidades crónicas. 

A Xunta agarda recibir achegas de sectores profesionais e da cidadanía implicada para desenvolver a proposta de entregar nas casas medicamentos suxeitos a prescrición médica baixo os sistemas de control necesarios. 

Esta medida foi levada a cabo con éxito, de forma excepcional, durante a pandemia tanto polas farmacias como polos hospitais do Servizo Galego de Saúde para permitir que persoas en risco de contaxiarse da Covid continuasen confinadas. Polo tanto, este desenvolvemento normativo da Lei de ordenación farmacéutica de Galicia pretende dar resposta ás dificultades de determinados doentes para desprazarse ao hospital ou á farmacia. 

A entrega regulada sería realizada por unha das cinco oficinas de farmacia máis próximas ao domicilio da persoa beneficiaria ou, por decisión expresa do paciente, por outra oficina de farmacia da mesma área de referencia do punto de atención continuada correspondente. 

Co mesmo carácter excepcional, no caso de fármacos de dispensación unicamente hospitalaria, estipularase a posibilidade de que os servizos de farmacia hospitalaria correspondentes poidan realizar a entrega informada no lugar de residencia das persoas usuarias, unha entrega en que poderán colaborar as oficinas de farmacia da zona.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde