A AXENCIA DE DOAZÓN DE ÓRGANOS E SANGUE LEVA A CAMPAÑA “SOMOS OLÍMPICOS” ATA A VIGUESA RÚA PRÍNCIPE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
09 07 2024

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) leva, este mércores 10 de xullo, ata a viguesa Rúa Príncipe a campaña especial de doazón “Somos Olímpicos,” que tenta sensibilizar á cidadanía galega da importancia do solidario xesto da doazón de sangue nos meses de verán.

Deste xeito, unha unidade móbil de ADOS estará estacionada ao carón da farola da Rúa Príncipe de Vigo, das 09.30 ás 14.30 e das 15.30 ás 21.00 horas para atender a todas as persoas que desexen participar. Ademais, ao carón da unidade móbil disporase unha montaxe alusiva aos Xogos Olímpicos e todos os doantes recibirán, como agasallo, unha camiseta co lema da campaña.

Esta iniciativa desenvolverase en 23 concellos galegos e forma parte da campaña especial de doazón de sangue nos meses de verán, un período especialmente sensible, xa que os meses estivais presentan dificultades engadidas para manter estable o volume de doazóns de sangue necesarias para o mantemento do intenso labor asistencial dos hospitais galegos. ADOS lembra que, todos os días, son precisas entre 400 e 500 doazóns de sangue e, nos meses de verán, debido á deslocalización dos doantes habituais por mor das vacacións, é preciso reforzar o permanente chamamento á solidariedade que a Axencia traslada á cidadanía.

Concello solidario

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue salienta que, no pasado ano 2023, Vigo foi a cidade galega con maior número de doazóns de Galicia, cun total de 12.471. Esta cifra supuxo acadar un índice de 43 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, polo que quere trasladar a todos os veciños e veciñas de Vigo o seu recoñecemento polo seu altruísmo e solidariedade.

Así mesmo, a Axencia quere amosar o seu agradecemento á corporación municipal polo seu decidido e constante apoio ás iniciativas destinadas a promover a doazón de sangue, tanto nesta campaña especial “Somos Olímpicos”, como no resto de visitas das unidades móbiles de ADOS desenvolvidas en Vigo durante todo o ano.

Para máis información, ADOS dispón do sitio web: ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto de información 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles. 

​​​
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde