​O HOSPITAL DO SALNÉS ESTREA NOVAS INSTALACIÓNS PARA A UNIDADE DE HOSPITALIZACIÓN A DOMICILIO NUN ESPAZO MAIOR E MÁIS CONFORTABLE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
10 07 2024

A Unidade de Hospitalización a Domicilio (HADO) do Hospital Público do Salnés estreou nestes días novas dependencias de traballo e descanso nun espazo maior e máis confortable, situado no andar -1 do edificio e que ocupara anteriormente a área de Esterilización. Deste xeito, pasan de dispor de 60 metros cadrados a unhas instalacións cunha superficie duns 150 metros.

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés vén de rematar as obras de transformación dunha superficie total duns 230 metros cadrados tras cinco meses de traballos, os cales arrancaron a inicios do mes de febreiro. Nesta actuación, ademais de habilitar novas instalacións para as profesionais de HADO do distrito do Salnés, tamén se dispuxeron novos locais para HADO Psiquiatría, e se remodelaron os vestiarios con duchas para o persoal de limpeza existente na zona, que abarcan 50 metros cadrados.

Así, a Unidade de HADO desfruta xa no centro de Ande-Rubiáns dunhas dependencias de arredor de 150 metros cadrados distribuídos do seguinte xeito: unha gran sala de traballo con capacidade para cinco postos de oficina, na que tamén se integra unha sala de sesións clínicas e de descanso; unha consulta médica; un almacén e zona de área limpa para preparación de medicacións; así como aseos.

Ademais, salientar que estas novas instalacións no andar -1 dispoñen de amplas zonas de ventás e espazos diáfanos para facilitar o traballo dos profesionais, coa renovación do mobiliario, da iluminación, dos revestimentos e da tabiquería.

En canto ao equipo de HADO Psiquitaría, tras a remodelación contan cun novo espazo diáfano multifuncional duns 30 metros cadrados -fronte aos 20 dos locais anteriores-, cunha sala de traballo con capacidade para dous postos, así como de Traballo Social.

Demolición para o futuro local do 061

Por outra banda, estes traslados á antiga zona de Esterilización do Hospital do Salnés, no andar -1, deixaron libre no andar 0 máis superficie para ampliar as dependencias da base medicalizada e de enfermaría da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 en Vilagarcía de Arousa.

Na actualidade xa comezaron os traballos de demolición previos ás obras de mellora dos futuros espazos de traballo, docencia e descanso dese persoal de urxencias, as cales se enmarcan no Plan de reforma, modernización, accesibilidade, adaptación e adecuación das bases e das infraestruturas do 061, aprobado polo Consello da Xunta a inicios deste mes de xullo.


EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde