O Sergas é o primeiro servizo de saúde de todo o Estado en poñer en marcha un procedemento de concurso de traslado aberto e permanente para o persoal estatutario
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
18 10 2017

O Sergas vai ser o primeiro servizo de saúde de todo o Estado en poñer en marcha un procedemento de concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario nos centros e institucións sanitarias do Sistema Público de Saúde de Galicia. Así se aprobou hoxe pola mañá, nunha nova xuntanza da Mesa Sectorial de Sanidade, que estivo presidida pola directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Margarita Prado Vaamonde, e na que estiveron presentes as organizacións sindicais. Tamén se aprobaron as bases que rexerán este procedemento. Esta iniciativa do departamento que dirixe Jesús Vázquez Almuiña posibilitará unha maior axilidade na xestión e resolución dos concursos de traslados, que permitirá a cobertura das prazas vacantes con carácter anual.

Apertura de prazo en novembro
O novo procedemento suporá unha mellora na expectativa de traslado dos profesionais que ata o de agora podían acceder a un traslado cada dous ou tres anos. O Servizo Galego de Saúde ten previsto que, durante o mes de novembro, se abra o prazo para a inscrición no concurso de traslados para o persoal de xestión e servizos, e progresivamente se incorporarán a este novo procedemento o resto de categorías de persoal estatutario sanitario.
 

 

Como novidade, cada ano natural, terá lugar unha oferta e adxudicación de destinos para todas as categorías de persoal estatutario, e será un proceso aberto e permanente no que os profesionais se poderán inscribir en calquera momento.

 

Cada ciclo anual de adxudicación iniciarase a partir do 15 de xaneiro e finalizará coa publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución definitiva de adxudicación de destinos.
 
A inscrición no proceso se realizará a través do Expediente Profesional Electrónico  (Fides/Expedient-e), ao cal se accederá a través da páxina web da Consellería de Sanidade (www.sergas.es). A presentación da solicitude será mediante rexistro electrónico, con DNI-e ou certificado dixital, sen ter acudir a un rexistro administrativo convencional.
 
Este procedemento tamén redundará nunha maior axilidade na resolución dos concursos de traslados, así como nunha redución de cargas administrativas e un aforro de custes derivados da implantación da presentación do formulario de inscrición mediante rexistro electrónico. Os profesionais tamén se beneficiarán dunha maior axilidade e comodidade na presentación da solicitude; dunha maior transparencia na visualización dos potenciais destinos durante todo o proceso; e sobre todo na mellora das súas expectativas de acceder a un traslado do seu posto de traballo.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss