A taxa media de participación de mulleres no Programa galego de detención precoz do cancro de mama supera os estándares europeos de calidade
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
19 10 2017

​Neste primeiro semestre de 2017, a taxa de participación no mesmo superou o 80,6%. Nesta primeira metade do ano, o número de mulleres residentes en Galicia, de 50 a 69 anos, invitadas a participar no programa foi de 102.427 e as exploradas nese mesmo período foi 82.576. Na gran maioría das exploracións o resultado da mamografía foi a ausencia de lesións sospeitosas, tan só a un 2,53% das mulleres exploradas no primeiro semestre recomendóuselles unha valoración clínica adicional.

 

Entre o ano 1992 e o 2016 realizáronse no marco do PGDPCM 2.240.624 mamografías, das que 528.321 corresponden a exploracións feitas a mulleres que acudían ao programa por primeira vez e 1.712.301 a mulleres que xa tiñan participado nos cribados con anterioridade. Tan só ao longo do pasado ano fixéronse, no marco desta iniciativa, 153.806 exploracións. Por provincias, na Coruña a taxa de participación foi do 83,56%; en Lugo, do 82,25%; en Ourense, do 82,13%; e en Pontevedra, do 82,4%. Nas catro provincias acadáronse os obxectivos de participación no programa.

 
Na maioría das exploracións realizadas ao longo do pasado ano o resultado foi a ausencia de lesións sospeitosas, tan só un 2,41% das mulleres exploradas foron remitidas a unha unidade de diagnóstico e tratamento para complementar as probas e obter un diagnóstico definitivo.
 
No período que vai de 1992 ao 2015, a taxa de detención de cancro foi do 3,6% por cada mil mulleres exploradas; é decir, detectáronse un total de 7.440 cancros en fase presintomática. O 92,2% destes tumores tiñan un estadio tumoral baixo e un 62,4% non tiñan afectación ganglionar no momento do seu diagnóstico. Ademais, estudouse a supervivencia das mulleres galegas entre 50 e 69 anos diagnosticadas de cancro de mama no período 1996-2009. As mulleres participantes presentaron mellor supervivencia relativa que as do mesmo grupo de idade diagnosticadas á marxe do programa (96,6% fronte ao  83,1% aos 5 anos de seguimento).
 
Dende a implantación do Programa de detención precoz do cancro de mama en 1992, a Consellería de Sanidade está a facer un esforzo constante para aumentar a actividade do mesmo e explorar cada ano a un número maior de mulleres, aumentando a participación sen incrementar os custos do programa e incrementando o seu rendemento, co obxectivo fundamental de diminuír a mortalidade provocada polo cancro de mama.
 
A lectura das mamografías realízase por dous radiólogos de xeito independente nas unidades de avaliación radiolóxica. Esta dobre lectura aumenta a sensibilidade da proba e a detección dos tumores máis pequenos, os que miden menos dun centímetro.
 
O PGDPCM está dirixido a todas as mulleres residentes en Galicia, de 50 a 69 anos, sen síntomas e sen diagnóstico previo de cancro de mama. O cribado ten unha periodicidade de dous anos. Ás mulleres obxectivo do programa envíaselles información sobre este por carta, antes da citación persoal para a realización da proba mamográfica. Envíase nos 10-15 días previos á cita e nela especifícanse o lugar, día e hora en que debe acudir para a realización da proba, así coma un número de teléfono para solicitar cambio de cita se fose preciso. Se a muller non acode, envíaselle unha nova citación, tamén por carta.
 
No caso de que sexa necesario realizar unha valoración clínica adicional para chegar a un diagnóstico, infórmase á interesada por carta certificada e con xustificante de recepción. Na mesma facilítase unha cita para ser atendida nunha unidade hospitalaria de diagnóstico e tratamento. Esta carta remítese tres días antes da cita e, ademais, dous días antes da mesma, chámase á muller por teléfono para confirmala.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte Connosco
rss