Un total de 4.598 persoas concorren ás oposicións do Sergas que esta fin de semana se celebran en Silleda
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
27 10 2017
Un total de 4.598 aspirantes están citados esta fin de semana no Recinto da Feira Internacional de Galicia (Silleda-Pontevedra) para presentarse aos exames da Oferta Pública de Emprego do Servizo Galego de Saúde, correspondente á convocatoria do ano 2016, para cubrir 401 prazas.

 

Do número total de aspirantes admitidos para a realización destas probas selectivas, 3.147 presentaranse ás 352 prazas convocadas de persoal licenciado sanitario e 1.451 ás 49 prazas de xestión e servizos. Un 13,52% proveñen de fóra de Galicia, o 71% teñen menos de 40 anos e o 69,20% do total son mulleres.

Do total de prazas convocadas resérvase unha porcentaxe entre un 25% e un 50%, segundo a categoría, para a súa provisión polo sistema de promoción interna por profesionais con vínculo noutra categoría no Servizo Galego así como a cota de reserva prevista legalmente para o acceso por persoas con discapacidade.
 
As probas realizaranse ao longo dos dous días, 28 e 29 de outubro, en quendas de mañá e de tarde. Durante a xornada de mañá sábado examinaranse 1.282 persoas das categorías de facultativo especialista de área de análises clínicas, cardioloxía, cirurxía xeral e aparello dixestivo, farmacia hospitalaria, medicina intensiva, medicina interna, medicina preventiva e saúde pública, oftalmoloxía, psiquiatría, radiodiagnóstico, e as categorías de médico coordinador 061, pediatra de atención Primaria, e técnico de xestión de sistemas e tecnoloxías da información.
 
Durante a xornada de tarde, examinaranse os 1.393 aspirantes das categorías de facultativo especialista de área de otorrinolaringoloxía, médico de urxencias hospitalarias, odontólogo de atención primaria e traballador social.
 
O domingo, día 29 de outubro, realizaranse, na quenda de maña, os exames das categorías de facultativo especialista de área de anestesioloxía e reanimación, cirurxía ortopédica e traumatoloxía, dermatoloxía médico-cirúrxica e venereoloxía, hematoloxía e hemoterapia, microbioloxía e parasitoloxía, pediatría e as súas áreas específicas, psicoloxía clínica, e as categorías de médico asistencial 061, persoal técnico superior en prevención de riscos laborais e técnico especialista de sistemas e tecnoloxías da información que representan 1.351 aspirantes.
 
En quenda de tarde examinaranse os 572 aspirantes das categorías de facultativo especialista de área de anatomía patolóxica, anxioloxía e cirurxía vascular, aparello dixestivo, cirurxía cardiovascular, cirurxía oral e maxilofacial, cirurxía plástica, estética e reparadora, endocrinoloxía e nutrición, inmunoloxía, medicina nuclear, nefroloxía, neurocirurxía, neurofisioloxía clínica, neuroloxía, obstetricia e xinecoloxía, oncoloxía médica, oncoloxía radioterápica, pneumoloxía e uroloxía, e a categoría de médico/a de admisión e documentación clínica.
 
Desenvolvemento das probas selectivas
As probas selectivas comprenden tres exames tipo test. Un de lexislación xeral, do que quedan exentos os aspirantes admitidos pola quenda de promoción interna; outro da parte específica relacionado cos coñecementos e funcións propias da categoría/especialidade, e un terceiro acreditativo do coñecemento da lingua galega, do que quedan exentos aqueles aspirantes que acrediten estar en posesión do Celga requirido na convocatoria ou equivalente.
 
No marco das previsións da normativa de igualdade efectiva de mulleres e homes, facilitarase a execución material das probas ás opositoras xestantes que o soliciten previamente, mediante o desprazamento dunha delegación do respectivo tribunal aos centros sanitarios onde figuren ingresadas así como o exercicio da lactación natural por aquelas aspirantes que o soliciten, habilitándose no recinto unha sala específica ao efecto.
 
Así mesmo practicaranse varias adaptacións de tempo e medios para a realización dos exercicios co obxecto de garantir que todas as persoas aspirantes concorran ao proceso en condicións de igualdade.

Transparencia e seguridade no proceso
Este proceso selectivo incorpora varias medidas de seguridade, incluídas tamén nos últimos procesos, tendentes a dotalos dunha maior seguridade nas súas diversas fases, entre as que cómpre destacar, a posta a disposición dos tribunais de selección dunha plataforma securizada en entorno web con acceso mediante certificación dixital.
 
Isto permite o seguimento de todo o proceso, confidencialidade na elaboración das preguntas, selección dos exames aleatoria e automatizada sobre unha batería de preguntas, imposibilidade de xerar ningún documento electrónico ata a data de impresión e impresión e custodia dos exames en sala securizada. 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss