Sanidade e Educación apostan pola formación temperá en soporte vital básico coa celebración dun adestramento masivo
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
06 11 2017

 

 
As Consellerías de Educación e Sanidade, a través da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, reafirmaron, unha vez máis, a súa aposta pola formación temperá en soporte vital básico (SVB) coa celebración dun adestramento masivo.
O acto, ao que asistiron o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña; o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González; e o director da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, José Antonio Iglesias Vázquez, reuniu ao redor de  250 nenos, de entre 10 e 13 anos, preto de 160 profesores de Educación Primaria e Secundaria e en torno a 30 instrutores en soporte vital básico de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, nas instalacións da Cidade da Cultura de Santiago.
 
O conselleiro de Sanidade lembrou a importancia da formación nas técnicas de soporte vital básico á poboación en xeral e aos máis novos en particular como un dos elos da cadea de supervivencia, integrada ademais pola activación inmediata do sistema de emerxencias, a masaxe cardíaca de calidade e a desfibrilación semiautomática precoz.
 
A importancia de concienciar á sociedade do recoñecemento dos sinais de morte súbita, así como das técnicas para a reanimación cardiopulmonar básica é fundamental, xa que a realización de manobras de soporte vital básico por testemuña duplica as posibilidades de supervivencia da vítima e minimiza as posibles secuelas.
 
Pola súa parte, o conselleiro de Educación explicou que o seu departamento está a a abordar as situacións de emerxencias e de tratamento das enfermidades crónicas nos centros educativos a través de formación, tanto de docentes coma de alumnos. Así, o 061 imparte formación para o profesorado en materia de urxencias sanitarias a través da rede de formación nos sete Centros de Formación e Recursos galegos, uns cursos que este ano académico está previsto abrir tamén, e por primeira vez, ás familias. A través desta acción, do programa RCP na Aula e do adestramento masivo de hoxe, tense prestado apoio formativo a case 500 docentes.
Román Rodríguez quixo agradecer a implicación dos docentes e a súa disposición a colaborar neste tipo de situacións, así como a colaboración prestada polo 061 e a Consellería de Sanidade na formación do profesorado.
 
Máis de 3.700 escolares formados en SVB
Actualmente, a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 a través dun convenio de colaboración entre as Consellerías de Sanidade e Educación, desenvolve o programa RCP na Aula, que facilita a formación en técnicas de soporte vital básico aos escolares de 12 anos na Comunidade galega. Entre os meses de xaneiro e xuño deste ano, o programa RCP na Aula deu formación en manobras de SVB a máis de 3.700 escolares.
En Galicia, as enfermidades cardiovasculares constitúen un dos problemas de saúde máis importantes e a maioría das mortes evitables ocorren no medio extrahospitalario. A causa máis frecuente de parada cardiorrespiratoria nas persoas adultas é a síndrome coronaria aguda e as únicas medidas que aumentan a supervivencia con boa función cerebral son a reanimación cardiopulmonar de calidade e a desfibrilación precoz.
 
Por último, cómpre recordar que o adestramento da poboación xeral en soporte vital básico se atopa entre as dez accións estratéxicas incluídas no documento da Academia de Resucitación Cardiopulmonar do ano 2013 e entre as principais recomendacións da Asociación Americana do Corazón e do Consello Europeo de Resucitación.
Atención á enfermidade crónica
Ademais deste adestramento masivo, hoxe celébrase na Cidade da Cultura de Galicia a II Xornada de Atención Educativa ao Alumnado con Enfermidade Crónica, organizada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Nela, os docentes reciben información por parte de médicos especialistas de hospitais galegos sobre como facer fronte a cuestións como a diabete, as crises anafilácticas ou alerxias ou as crises convulsivas, apréndese como empregar un botiquín de forma axeitada, así como o funcionamento do 061.

 

Asemade, faise un achegamento ao Protocolo de atención educativa en urxencias sanitarias e enfermidade crónica, publicado pola Consellería no marco da Estratexia Galega de Convivencia Escolar (educonvives.gal), un documento de traballo co que, ademais de servir de guía para o profesorado nesta materia, tamén favorece a inclusión e normalidade do alumnado con estas doenzas.
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte Connosco
rss