Sanidade estuda as posibles exposicións de persoas ao lindano en Porriño
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
04 12 2017
​O titular de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, afirmou no Parlamento que a súa Consellería está traballando para caracterizar ás persoas con probabilidade de exposición ao lindano, por vivir na zona  onde se detectaron solos e augas contaminadas.
 

Almuiña explicou que, nun primeiro momento, recomendouse a través do Concello do Porriño que as persoas da zona afectada non consumiran auga de pozos, fontes ou traídas veciñais se non dispoñen de análises que indiquen ausencia de contaminación por lindano. Así mesmo, mentres non se leve a cabo a caracterización e a limitación do lugar afectado, recomendouse que non se consuman alimentos cultivados na zona, especialmente tubérculos. É preciso ter en conta que os residuos deposítanse sobre todo nas raíces das prantas, e pouco ou nada nas ramas, follas e froitos.

 
Segundo explicou o conselleiro, a día de hoxe leváronse a cabo 60 análises de auga, e segundo os resultados, dous tercios deles estarían libres de contaminación por lindano. Mentres o Concello non habilite unha solución definitiva, os  propietarios de fontes, pozos ou traídas veciñais con ausencia de contaminación que sexan necesarias para garantir o abastecemento de auga de consumo humano, poderíanse seguir utilizándoos. Mentres tanto, a Consellería de Sanidade fará analíticas periódicas para verificar a ausencia de contaminante. Ademais, indicou Almuiña, estase facendo seguimento para que, dende o Concello, se habilite unha solución alternativa para o subministro de auga potable nos casos nos que se detectou contaminación.

 

A investigación das posibles exposicións ao lindano da zona afectada, así como dos posibles efectos para a saúde derivados desenvólvese seguindo a metodoloxía de investigación de brotes que establece o protocolo de actuación ante a notificación da sospeita dun abrocho de orixe alimentaria da Dirección Xeral de Saúde Pública.
 
Unha vez se coñeza a poboación exposta ao lindano e os resultados das analíticas dos solos e das augas, estableceranse as actuacións a levar a cabo. O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña aclarou que estas actuacións van estar derivadas das recomendacións dun equipo multidisciplinar, onde ademais dos técnicos de saúde pública estarán clínicos e toxicólogos. Almuiña lembrou que a contaminación por lindano no Concello do Porriño é un problema que tivo a súa orixe hai varias décadas, a partir do residuo que se xeraba no proceso de produción deste insecticida polas empresas que estaban implantadas no polígono industrial de Torneiros. O lindano está prohibido dende 2001, polo que xa non se fabrica, aínda que en Galicia xa non se producía dende o ano1964.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss