Sanidade salienta a necesidade de protexerse ante as intoxicacións por monóxido de carbono
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
06 12 2017
A Consellería de Sanidade lembra aos cidadáns a importancia de protexerse ante intoxicacións por monóxido de carbono (CO). Este é un gas que non se pode ver nin ulir e que se produce ao queimarse combustibles orgánicos como gas butano ou propano, gasolina, queroseno, gasóleo, carbón, petróleo ou madeira. As chemineas, as caldeiras, os automóbiles -ou calquera outro motor non eléctrico- e todos aparellos domésticos que queiman combustible -quentadores de auga a gas, estufas, fogóns ou fornos de cociña de gas e braseiros de leña- consumen osíxeno e producen monóxido de carbono.
 
A intoxicación por monóxido de carbono pode ser fatal, pois se se respira en cantidade elevada pode causar a morte por intoxicación en poucos minutos. As mulleres embarazadas, os bebés, os nenos pequenos, as persoas maiores e as que padecen de anemia, problemas do corazón ou respiratorios son os máis sensibles á súa presenza.
 
Síntomas
Os síntomas de intoxicación por CO son moi inespecíficos e similares aos de enfermidades comúns como a gripe ou as intoxicacións por alimentos en mal estado. En baixas concentracións no aire, o monóxido de carbono pode causar falta de alento, náuseas e mareos lixeiros. Ao incrementar a súa concentración, causa dores de cabeza, mareos e náuseas intensas, confusión mental progresiva e esvaecemento, chegando mesmo a causar a morte se se segue a respirar durante un tempo suficiente.
 
Polo tanto, se unha persoa que está nun ambiente pechado con algún aparello de combustión acendido nota algún destes síntomas é probable que se estea intoxicando por monóxido de carbono. Neste caso, debe apagar a fonte de combustión, abrir portas e xanelas e ir a un lugar onde poida respirar aire fresco. A continuación debe poñerse en contacto con Urxencias Sanitarias-061 ou acudir directamente a un centro de urxencias, indicando que poder ter intoxicación por monóxido de carbono para que se tomen axiña as medidas oportunas de diagnóstico e tratamento.
 
Hai algúns factores externos que permiten detectar o aumento de CO no aire. Por exemplo, nos aparellos a gas, o consumo de osíxeno e a produción de monóxido de carbono increméntanse perigosamente cando estes queiman mal por falla dun mantemento adecuado. Nestes casos, a lapa do queimador faise cada vez máis amarela e menos azul e pódese ver o charrizo no queimador.
 
Factores de risco e medidas de prevención
Os servizos de urxencias médicas de Galicia atenden cada ano máis dun cento de alarmas por posibles intoxicacións debidas ao monóxido de carbono, das que se confirman unha cuarta parte e das que resultan unha media anual de tres mortes por esta causa, que serían evitables cunhas sinxelas medidas.
 
O estudo dos casos ocorridos nos últimos anos detecta que hai varios factores de risco e que a prevención resulta moi importante para evitar as intoxicacións. Así, convén vixiar a instalación e o mantemento adecuados dos aparellos de combustión –como estufas ou quentadores de auga- e dos seus condutos de ventilación, e ante calquera dúbida cómpre facelos revisar por un profesional.
 
Non é aconsellable a utilización dun braseiro tradicional de leña na vivenda, pero se é preciso facelo debe estar á vista, a estancia debe ventilarse con frecuencia, e o braseiro debe ser retirado ou apagado sempre durante as horas de sono. Ademais, non se deben acender motores de combustible en ambientes pechados como galpóns e garaxes.
En todos os casos de utilización de aparellos de combustión en lugares pechados debe manterse sempre unha ventilación adecuada. Nunca se debe utilizar o forno de gas da cociña para quentar unha casa, aínda que sexa por pouco tempo; e nunca se debe queimar carbón dentro dunha vivenda, aínda que sexa na cheminea.

 

Os documentos informativos da Xunta sobre intoxicacións por monóxido de carbono pódense atopar na páxina web da Dirección Xeral de Saúde Pública.

 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss