Sanidade fai un chamamento aos grupos de risco para vacinarse da gripe a unha semana do remate da campaña
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
23 12 2017

A campaña de vacinación antigripal e antipneumocócica en Galicia remata o vindeiro 29 de decembro, motivo polo cal a Consellería de Sanidade lembra a todas aquelas persoas, especialmente ós grupos de risco, que aínda non se teñan vacinado, que están a tempo de facelo. Ao contrario que no resto de España, en Galicia a onda vacinal non comezou, aínda que o número de ingresos por gripe confirmada na nosa comunidade a pasada semana foi de 45 casos. O 85% do total dos pacientes ingresados durante esta tempada tiñan indicada a vacina antigripal e deles, o 68% non a tiñan posta.

Dende o inicio da campaña de vacinación da gripe o pasado 23 de outubro xa se teñen vacinados máis de 525.000 persoas, das que 380.000 teñen cumpridos os 65 ou máis anos.
Estas cifras mostran un aumento de 25.000 persoas respecto do mesmo período da campaña previa, cun incremento de dous puntos na cobertura.
Esta cifra supón unha melloría respecto á do pasado ano, pero sitúa a Galicia aínda por debaixo do obxectivo marcado a nivel de España (65%) e tamén por debaixo dos obxectivos que está a marcar a OMS a nivel de Europa, que é dun 75%.
 
Ademais da suba a nivel de poboación xeral nesta campaña destaca a mellora das coberturas entre os profesionais sanitarios, cun aumento dun 25%, segundo os datos provisionais.
 
Mellor mecanismo para evitar complicacións
Sanidade lembra a importancia que ten a vacinación, pois é o mellor mecanismo para protexerse fronte á enfermidade e evitar complicacións asociadas á mesma. Neste senso, calquera persoa vacinada dentro do período que abrangue a campaña gozará da máxima protección antes da chegada do pico da onda a Galicia.
 
A vacinación ofértase a todas as persoas con maior risco de padecemento da enfermidade e as súas complicacións: persoas de 60 ou máis anos e persoas menores desa idade pertencentes aos grupos de risco (persoas con patoloxías cardíacas, respiratorias, renais, endocrinas..., con cancro ou outras inmunodeficiencias, con obsesidade mórbica, con disfunción cognitiva....); e tamén a persoas con posibilidade de transmisión a grupos de risco, entre os que se atopa o persoal sanitario, e traballadores esenciais para a comunidade.
Aquelas persoas que non puideron vacinarse por diversas razóns dentro do período da campaña poderán facelo nos primeiros días de xaneiro.

A Consellería de Sanidade conta con 900 puntos de vacinación repartidos por toda a comunidade: centros de saúde e hospitais da rede do Sergas, centros sanitarios privados, residencias da 3ª idade e outros centros con residentes susceptibles de beneficiarse desta vacinación, centros penitenciarios, entre outros.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte Connosco
rss