Sanidade recomenda facer un uso responsable dos servizos sanitarios priorizando 061, centros de saúde e puntos de atención continuada
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
04 01 2018

​O Servizo Galego de Saúde mantén activados os plans de continxencia en todas as Estruturas Organizativas de Xestión Integrada (EOXI) para atender o incremento da demanda asistencial ou aumento da necesidade de ingreso hospitalario con motivo da actividade gripal. Estes Plans de todos os hospitais teñen previsto as actuacións necesarias  e neste senso o Sergas mantén as plantillas de urxencias ao 100%, e cubertas todas as ausencias con contratacións, ademáis de reforzos con persoal facultativo, de enfermería e de celadores tanto en urxencias como nos servizos de hospitalización e 061.

Os datos dos sistemas de vixilancia  do Servizo Galego de Saúde indican esta semana unha actividade gripal en Galicia cunha taxa de 163,4 casos por 100.000 habitantes, o que supón un incremento do 75% con respecto da semana pasada. Prevese un aumento da actividade gripal nas vindeiras semanas, cando se podería acadar o pico máximo da onda epidémica, que xa está afectando a outras comunidades autónomas.
 
Recomendacións e sintomatoloxía
A gripe é unha infección vírica moi contaxiosa, causada por un virus polo que os antibióticos non son eficaces no seu tratamento, que presenta síntomas como febre igual ou maior a 38º -sobre todo os dous primeiros días-, tose, dor de garganta, dor de cabeza, dor muscular, malestar xeral, conxestión nasal, esbirros e, tamén, vómitos e diarrea.
 
Sanidade recomenda facer un uso responsable dos servicios de urxencia dos hospitais, aos que se debe acodir ante a aparición de síntomas de gravidade. Neste senso, o Sergas aconsella valorar, en función da sintomatoloxía cal é o servizo sanitario máis axeitado de forma que se evitarán esperas innecesarias para recibir a atención sanitaria e contribuirase a non saturar os recursos do sistema.
 
Cando acodir aos servizos sanitarios
A gripe non ten tratamento específico polo que a recomendación xeral é o reposo ata pasar 24 horas sen febre e sen tomar medicamentos que a baixen, a non ser que o seu médico lle faga outra recomendación. Cómpre estar atento por se se presenta algún síntoma suxestivo de gravidade como dificultade para respirar ou dor no peito, convulsións, cor púrpura ou azul dos beizos, vómitos ou non poder reter os líquidos e ter signos de deshidratación (mareos ao estar de pé ou ausencia da micción). No caso dos nenos, os síntomas de gravidade a vixiar son respiración rápida ou dificultosa, cor gris azulada da pel, vómitos persistentes, dificultade para espertar ou interactuar, ou estar moi irritable.
 
Ante a aparición de calquera destes síntomas hai que solicitar unha consulta telefónica co seu médico de cabeceira ou dirixirse ao centro de saúde correspondente.  No caso de atoparse dunha urxencia, fora do horario do centro de saúde, pódese recurrir ao 061, onde será atendido por profesionais sanitarios, ou ao Punto de Atención Continuada (PAC) que teña máis cerca.
 
Prevención do contaxio e difusión
Lavar as mans con frecuencia é a principal medida de hixiene para a prevención pois as gotiñas que se emiten ao tusir, esbirrar ou falar poden quedar nas mans, onde o virus pode sobrevivir uns minutos; tapar a boca e o nariz ao tusir ou esbirrar, ou empregar panos desbotables son as principais medidas para evitar contaxio e difusión.
 
O contaxio prodúcese persoa a persoa, principalmente polo aire. Ademais, o virus pódese transmitir tamén indirectamente ao tocar algo que estea contaminado con el e ao levar as mans aos ollos, o nariz ou a boca.

O virus pode transmitirse desde un día antes de comezar cos síntomas ata sete días despois, aínda que este período pode ser máis longo nalgunhas persoas. Nos nenos o tempo durante o que o virus pode contaxiar pode ser máis prolongado, incluso unha vez desaparecidos os síntomas da enfermidade.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss