O Sergas publica as listas provisionais para a actualización das listas de selección temporal de diversas categorías de persoal estatutario
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
31 01 2018

​O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, o anuncio polo que se dá publicidade á relación provisional de admitidos e excluídos, e os resultados provisionais de baremación no proceso de actualización das listas de selección temporal de diversas categorías de persoal estatutario. En total xeráronse 15.931 inscricións, sumando as do anterior proceso e as de nova xeración. A categoría con maior número de solicitudes é a de técnico en coidados auxiliares de enfermaría, con 9.718 inscricións. Resultan excluídas do proceso o 1,13% das solicitudes de participación. O 7,5% foron novas inscricións realizadas despois da data límite de presentación do anterior proceso.

As categorías de persoal estatutario referidas no DOG son as de técnico superior en anatomía patolóxica e citoloxía, técnico superior en dietética e nutrición, técnico superior en documentación sanitaria, técnico superior en hixiene bucodental, técnico superior en imaxe para o diagnóstico, técnico superior en laboratorio de diagnóstico clínico, técnico superior en radioterapia, técnico en coidados auxiliares de enfermaría e técnico en farmacia.
 
A lista provisional de admitidos e excluídos coa asignación da puntuación provisional e número de orde acadado dos admitidos atópanse publicadas na web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es). Ademais, os aspirantes poden consultar desde hoxe, no seu expediente electrónico persoal (Fides/expedient-e) a súa posición relativa e o número de orde nas listas xeradas; así como, de ser o caso, as causas de rexeitamento dalgún dos méritos presentados, dotando de total transparencia ao proceso de selección.
 
Na mesma resolución ábrese un prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao día da publicación, para que as persoas interesadas poidan formular as alegacións que estimen oportunas con relación á súa inadmisión e aos resultados obtidos na baremación provisional. A estimación ou desestimación, logo da súa análise e valoración, incluirase na resolución pola que se publiquen as listas definitivas, que determinará a data de entrada en vigor de tales listas.
 
Disporán do mesmo prazo as persoas que tendo presentado debidamente a solicitude non consten como admitidas nin excluídas.

Próximas publicacións
En próximas datas publicarase o listado definitivo de admitidos e excluídos e a baremación provisional das seguintes categorías: celador, cociñeiro, grupo auxiliar da función administrativa, persoal de lavandería, pasador de ferro e pinche.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte Connosco
rss