O Sergas realizou ao longo do pasado ano 205.277 intervencións cirúrxicas, das que o 53% foron ambulatorias
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
02 02 2018
​O Servizo Galego de Saúde (Sergas) realizou o pasado ano un total de 205.277 intervencións cirúrxicas, 552 máis que no 2016. Seguen a incrementarse as intervencións ambulatorias que ascenderon a 107.710 (570 máis que no ano 2016), e que supoñen o 53% do total das intervencións cirúrxicas realizadas polo Sergas; mentres que as intervencións con ingresos foron 97.567. Son datos do informe de actividade a 31 de decembro de 2017 presentado esta mañá polo xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, acompañado polo director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, e no que se reflicte un aumento da actividade global de todas as áreas.
 

Con respecto da actividade nos hospitais, Antonio Fernández Campa subliñou que a utilización adecuada dos recursos cirúrxicos permitiu acadar un incremento da actividade ordinaria e un aumento da cirurxía ambulatoria nos hospitais. Tras incidir en que o obxectivo é incrementar a eficiencia, mantendo o principio de equidade e xestionar por prioridades clínicas, o xerente destacou que o resultado da actividade cirúrxica foi posible “grazas ao rendemento dos nosos quirófanos,que se volveu a situar por riba do obxectivo marcado do 75%”. En concreto, o rendemento cirúrxico acumulado en 2017 foi do 76,08%.

Ao longo do pasado ano, os ingresos hospitalarios rexistraron un incremento do 2%, acadando os 241.022, o que supón 4.743 ingresos máis. Destes, 181.898 foron non programados e 59.124 programados. A actividade de transplantes aumentou acadando os 340 (41 máis que no 2016) “a cifra máis alta rexistrada”, dixo Fernández-Campa.
 
Durante a súa intervención, o que Fernández-Campa tamén destacou foi o aumento da actividade nos hospitais de día, que rexistraron ao longo do pasado ano 289.190 sesións, 27.099 sesión máis que no ano anterior. A hospitalización a domicilio rexistrou 6.213 ingresos (558 máis que en 2016). No tocante ás probas diagnósticas, realizáronse un total de 3.105.775, 281.219 probas máis que o ano anterior, o que supón un incremento do 9,95%. “A actividade nos centros hospitalarios do Sergas é cada vez máis ambulatoria, así o amosa o incremento desta actividade nos hospitais de día e tamén da cirurxía sen ingresos”, apuntou o xerente.
 
Incremento das consultas
O informe presentado hoxe tamén reflicte un aumento no número de consultas. Rexistráronse un total de 31.341.033, 393.222 máis que en 2016. Desta cifra global, Atención Primaria acadou 26.176.433 consultas (231.644 máis). Isto supón que cada día atendéronse nos centros de Atención Primaria máis de 103.000 consultas. Do total destas consultas, o 59% son médicas. O xerente do Sergas destacou o aumento da actividade non presencial, que facilita a accesibilidade dos cidadáns. Rexistráronse 2.558.477 consultas telefónicas (262.128 máis). O 99,87% das citas telefónicas foron resoltas sen necesidade de acudir ao centro médico.
 
O programa Conecta-72 en Atención Primaria, que garante a continuidade dos coidados dos doentes con alta hospitalaria, contabilizou 201.209 consultas (15.925 consultas máis que o ano anterior), cunha porcentaxe de pacientes contactados do 91%.
 
En Atención Especializada atendéronse 5.164.600 (161.578 máis que en 2016), o que supón 20.413 consultas ao día. Tras subliñar que é a actividade máis alta da que consta no rexistro do Sergas, Fernández-Campa destacou que o número de consultas non presencias foi de 106.767, 20.171 máis, o que supón un incremento do 23,29% máis.
 
Fernández Campa resaltou que durante 2017 beneficiáronse das vías rápidas 17.181 pacientes (3.836 máis), cun tempo medio de derivación dende o profesional de medicina de Atención Primaria ao especialista do hospital de 5,9 días (0,7 días menos que en 2016). As vías rápidas están implantadas en todos os hospitais do Sergas para pacientes con sospeita de proceso oncolóxico para cancro de mama, colon, pulmón, próstata, vexiga, cancro otorrinolaringolóxico (cabeza e colo), e melanoma.
 
Área de urxencias
En 2017 o Sergas atendeu un total de 2.561.981 urxencias (22.228 máis que en 2016), o que supón a realización dunha media de 7.000 urxencias ao día. Desta cifra, 1.548.272 urxencias foron en Atención Primaria (7.594 máis que en 2016), o que supón unha media diaria de 4.200. En Atención Especializada atendéronse 1.013.709 urxencias (14.634 máis que o ano anterior), cunha media diaria de 2.800 urxencias.
 
Neste senso Fernández-Campa destacou que de cada 10 urxencias, 6 se atenderon en Atención Primaria. Tamén incidiu no alto nivel de resolución das urxencias de Atención Primaria nos PAC, que en 2017 acadou unha porcentaxe de resolución do 91,28%. En Atención Especializada, a porcentaxe de ingresos foi do  16,70% (0,24 puntos porcentuais máis que en 2016).
 

Por outra banda, o 061 rexistrou 1.108.194 chamadas e 434.424 procesos asistenciais, 860 máis que o ano anterior. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte Connosco
rss