O Servizo Galego de Saúde destina 5,1 millóns de euros a programas de asistencia a pacientes con trastornos adictivos
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
23 02 2018

​O Edificio Administrativo da Consellería de Sanidade acolleu hoxe o acto de sinatura dos convenios de colaboración entre o Servizo Galego de Saúde e diferentes asociacións sen ánimo de lucro, por un importe de 5.145.335 euros, para o desenvolvemento de programas de asistencia a pacientes con trastornos relacionados con substancias e trastornos aditivos derivados do uso das drogas. Estas contías rexistran un incremento medio do 4,6% con respecto de anos anteriores, aumentando por primeira vez dende o ano 2008.

En concreto, as entidades destinatarias das axudas son Cruz Vermella Lugo, que recibe 561.273 euros; ASFEDRO, que recibirá 844.032 euros, Alborada que recibirá 1.356.351 euros, e ACLAD cunha contía de 1.523.144. A Fundación Monte do Gozo recibirá un total de 860.535 euros, dos cales 727.601 euros están destinados ao programa terapéutico educativo Proxecto Home de atención e rehabilitación de drogodependentes de Galicia, e outros 132.934 euros son para o desenvolvemento do programa de tratamento e rehabilitación en réxime de comunidade terapéutica da dependencia alcohólica.
 
Os convenios foron asinados polo conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña; polo presidente de ACLAD, Miguel Carlos Plaza; polo presidente de Alborada, Delfín Fernández Álvarez; polo vicepresidente de Asfedro; Antonio Núñez Pérez; polo presidente de Cruz Vermella Lugo; Luis Abelleira Mayor; e polo director da Fundación Monte do Gozo, Ramón Gómez Crespo.
 
No desenvolvemento destes programas, as asociacións atenderán toda a demanda xerada neste período, respectando os principios de universalidade, anonimato, voluntariedade e gratuidade na súa respectiva área de influencia. En definitiva, realizarán a atención integral aos pacientes con trastornos adictivos e ás súas familias atendendo a criterios, guías e procedementos establecidos polo Sergas.
 
As entidades realizarán os programas previstos no proxecto do novo Plan de Trastornos Adictivos de Galicia, entre os que atopan como medidas a mellora na atención a persoas que padecen simultáneamente un trastorno adictivo e outro trastorno mental (patoloxía dual) e a atención de terceiro nivel (en réxime residencial) que se presta na comunidade terapéutica, así como a mellora na coordinación cos dispositivos da rede de saúde mental e atención primeira e a atención a novas condutas de atención clínica. 
 
Outras novidades que recolle o Plan de xeito transversal son a introdución da perspectiva de xénero, atendendo ás necesidades específicas da muller que padece este tipo de patoloxías, así como a mellora do coñecemento acerca destes trastornos co deseño dun Plan Anual de Formación en materia de adiccións. 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss