O conselleiro de sanidade agradece o labor diario dos profesionais da xerencia do Sergas que veñen de xubilarse
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
09 03 2018

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2018.- O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, asistiu hoxe ao acto de despedida dos xubilados da Xerencia de Xestión Integrada do Servizo Galego de Saúde en Santiago. Nese acto, o titular da carteira sanitaria do Executivo galego agradeceu o traballo dos profesionais que agora se xubilan así como do resto de empregados, polo labor diario desenvolvido coa fin de contribuír ao bo funcionamento do sistema sanitario.

Segundo remarcou o conselleiro, dedicar toda unha carreira profesional ao coidado do paciente “é un labor que desenvolvemos entre todos dende moi diferentes disciplinas e cun sentimento común de vocación”. Todas as categorías son importantes, por iso a dedicación de profesionais da medicina, da enfermería, a administración ou o mantemento, entre outras áreas de traballo, “merecen o recoñecemento de tantos anos de esforzo e entrega”.

Tal e como remarcou Almuiña, “os verdadeiros protagonistas do sistema sanitario son os profesionais, responsables do seu adecuado funcionamento e da súa mellora continua. Queda demostrada a vosa implicación, capacidade de traballo e compromiso coa sanidade pública ao longo da vosa vida laboral”.
 
Pola súa banda, a responsable da Xerencia Integrada de Santiago, Eloína Núñez, agradeceulles o traballo e dedicación aos 132 profesionais que se xubilaron no 2017 nos hospitais e centros de saúde da Xerencia compostelá, ao tempo que manifestou ante os traballadores xubilados, familiares e profesionais en activo que acudiron á homenaxe, que “debemos ser sensibles aos novos tempos, adaptarnos ás novas demandas e prepararnos permanentemente para exercer o noso traballo da forma máis responsable posible”, e engadíu “creo que así contribuimos, modestamente, a lograr unha sanidade mellor, tanto en coñecemento como en valores e actitudes, unha sanidade que sirva para mellorar a saúde e a expectativa de vida dos galegos”.

Ao acto asistiron, tamén, o vicedecano da Facultade de Medicina, José Martín Carreira; así como José Castillo Sánchez, en representación dos traballadores xubilados, e José Luis Barreiro, presidente da Asamblea de Santiago de Compostela da Cruz Vermella, como conferenciante.

SAÚDOS,

 

GABINETE DE COMUNICACIÓN DA CONSELLERÍA DE SANIDADE

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss