O Sergas publica a oferta de destinos no primeiro concurso de traslados aberto e permanente
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
26 03 2018

 

​Un total de 4.388 profesionais resultaron admitidos no concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas das categorías de persoal licenciado sanitario de atención primaria, persoal sanitario diplomado e de formación profesional e persoal de xestión e servizos.  O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, os anuncios polos que se dá publicidade a relación provisional de admitidos e excluídos e a oferta de destinos no ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2018 deste concurso. A categoría con maior número de aspirantes admitidos é a de profesional de enfermería, con 2.037 solicitudes.
 
O Servizo Galego de Saúde é un dos primeiros sistemas sanitarios de Espeña en poñer en marcha un concurso de traslados aberto e permanente. A aposta do Goberno galego por esta medida queda reflectida así mesmo coa súa inclusión na reforma da Lei de Saúde, que se ven de aprobar no Parlamento de Galicia.
Esta medida posibilitará unha maior axilidade na xestión e resolución dos concursos de traslados e permitirá a cobertura das prazas vacantes con carácter anual. Como novidade, cada ano natural, terá lugar unha oferta e adxudicación de destinos para todas as categorías de persoal estatutario, e será un proceso aberto e permanente no que os profesionais se poderán inscribir en calquera momento. Cada ciclo anual de adxudicación iniciarase a partir do 15 de xaneiro e finalizará coa publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución definitiva de adxudicación de destinos.
 
Relación provisional de admitidos e excluídos
As listas coa relación provisional de admitidoss e excluídos atópanse publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), no apartado Emprego Público-Concurso de traslados aberto e permanente. Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo/a aspirante no seu expediente electrónico persoal en Fides/Expedient-e/Sección de procesos.

 

Coa publicación desta Resolución, ábrese un prazo de dez días hábiles contados a partir do día 27 de marzo para que as persoas interesadas poidan corrixir, se é o caso, o defecto que motivou a súa exclusión, mediante solicitude que deberán dirixir á unidade de validación á que tivesen dirixido a solicitude de participación no concurso.
 
Con esta Resolución tamén se abre un prazo de 15 días naturais (entre o 27 de marzo e o 10 de abril, ambos inclusive) durante o cal os profesionais poderán modificar, a través de Fides/expedient-e, a selección de destinos efectuada, se así o desexan. No formulario de inscrición estará visible a oferta de destinos coa información do número de prazas a adxudicar neste ciclo. As modificacións que se realicen deberán asinarse electronicamente con certificado dixital e non requirirán a entrega de ningunha documentación. Terase en conta a última modificación presentada por rexistro electrónico.
 
As solicitudes de participación que, logo do prazo anteriormente sinalado, non conteñan a selección de, polo menos un destino, quedarán excluídas do ciclo de adxudicación en curso.
 
Os profesionais con vínculo fixo que, non tendo participado neste primeiro ciclo, estean interesados en optar a un novo destino definitivo da mesma categoría nunha institución sanitaria pública do Servizo Galego de Saúde poderán solicitar a súa participación no concurso de traslados, a través de Fides/expedient-e en calquera momento. A súa solicitude terase en conta para o ciclo de adxudicación seguinte.
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss