Sanidade presenta a aplicación para móbiles denominada VACGAL que permite obter información personalizada sobre o calendario vacinal
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
03 04 2018

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2018.- O centro de saúde de Vite acolleu hoxe o acto de presentación da ferramenta informática VACGAL, unha App gratuita da Consellería de Sanidade, mediante a que se pon a disposición da cidadanía información fiable e personalizada sobre o calendario vacinal por medio dos seus dispositivos móbiles, converténdose así nunha canle áxil e dinámica de comunicación entre o Programa galego de vacinacións e os seus usuarios.

O acto de presentación desta nova aplicación correu a cargo do director xeral de Saúde Pública, Andrés Paz-Ares, e do subdirector xeral sobre Saúde e Epidemioloxía, Xurxo Hervada; quenes sinalaron que está aplicación posibilitará mellorar a concienciación das galegas e galegos respecto do valor das vacinas, así como un incremento de coberturas. Ademais, favorecerá a comodidade do propio proceso de vacinación.
 
Utilidades
Entre as utilidades desta aplicación, da cal levouse a cabo un proxecto piloto nos centros de saúde de Vite (Santiago) e Oroso, está o coñecer o calendario vacinal vixente do Programa galego de vacinación tanto infantil como de adultos; consultar, en calquera momento, os datos que ten o programa sobre a vacinación propia ou das persoas a cargo; e, ademais, ver a correspondencia entre as vacinas administradas e o calendario vacinal que lle corresponde a cada persoa por idade.
 

 

A aplicación do departamento que dirixe Jesús Vázquez Almuiña tamén permite recibir recordatorios sobre vacinas pendentes próximas a administrar; tramitar citas para vacinarse mediante o propio dispositivo móbil; recibir notificacións do programa sobre novas relacionadas coa vacinación e; ademais, consultar información sobre vacinación e viaxes.

 

Coa fin de asegurar o respecto á confidencialidade dos datos de carácter persoal, para acceder a VACGAL necesítase estar dado de alta en É-Saúde e dispor de usuario de Chave365. É-Saúde é a ferramenta do Servizo Galego de Saúde de comunicación coa cidadanía, accesible dende calquera lugar e dispositivo, que posibilita o acceso a servizos e contidos de saúde personalizados https://www.sergas.es/ESaude. Pola súa banda, Chave365 é o sistema que permite aos cidadáns maiores de idade identificarse e asinar documentos sen necesidade de usar certificados dixitais nin DNI electrónico. Con Chave365, a persoa usuaria identifícase co seu NIF e clave persoal (https://www.xunta.gal/chave365/que-e).
 

 

Se non se dispón da Chave365, o máis sinxelo é achegarse á unidade administrativa do centro de saúde e solicitala, así como confirmar que queremos autorizar o acceso á nosa información de saúde con esta clave en É-Saúde. Tamén pode facelo para os seus fillos  ou maiores a cargo. Despois da realización deste paso, xa se pode descargar a aplicación directamente desde Play Store ou Apple Store.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss