A EOXI de A Coruña organiza a segunda xornada de portas abertas para residentes
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
04 04 2018
A Comisión de Docencia da Xerencia de Xestión Integrada de A Coruña organiza por segundo ano consecutivo a xornada de portas abertas para poñer en contacto aos futuros residentes, cos tutores e residentes deste centro sanitario, e ofrecerlles unha primeira visión dos aspectos asistenciais, docentes e de investigación, que o centro pon á súa disposición.

 


Este encontro, no que participaron máis de 150 rapaces, tivo lugar hoxe ao longo da mañá, e estivo dirixido aos futuros especialistas en formación que están a elixir centro para cursar a súa residencia e que buscan un centro de calidade onde formarse como especialistas, onde existen uns excelentes profesionais comprometidos coa súa formación, un hospital de alta complexidade cunhas instalacións renovadas, a tecnoloxía máis moderna e un Instituto de Investigación Biomédica ademais dun Centro Tecnolóxico de Formación.

A Presidenta da Comisión de Docencia do CHUAC, Rosario López Rico e a Presidenta da Comisión de Docencia da Unidade Multidisciplinar de Medicina de Familia e Comunitaria, Cristina Iglesias Díaz, reuníronse cos residentes e informáronlles sobre os plans de formación e as especialidades acreditadas que se imparten nos distintos centros que forman a Xerencia de Xestión Integrada da Coruña.

Como complemento, dedicouse un espazo para informar sobre a formación complementaria como xornadas, sesións e cursos, que de forma habitual se imparten no Hospital e que aportan outras perspectivas na formación continuada e que completa un proceso que inclúe valores, competencias e destrezas. Estes temas, do mesmo xeito que aspectos sobre a comunicación co paciente e os seus familiares, permiten aos residentes relacionarse con disciplinas que lles aportan unha visión global, xa que aúnan contidos de carácter social, ético, sanitario e ambiental.

Ademais, participarán residentes que se atopan formándose nas distintas especialidades do Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña, que serán quen mellor poidan aclarar as dúbidas suscitadas polos posibles candidatos, contribuíndo así a mellorar a súa información á hora de escoller o mellor centro para a súa futura formación.
 
Para rematar, os tutores de cada especialidade guiaranos nunha visita á Unidade Docente correspondente para aclarar as súas dúbidas.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss