Almuiña destaca que Galicia é unha das comunidades autónomas pioneiras na implantación das especialidades de enfermería
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
10 04 2018

​O Sergas está a dotar progresivamente de prazas de persoal enfermeiro especialista e a incorporar a estes profesionais titulados. Así o defendeu hoxe no Parlamento o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, quen subliñou que a aprobación do Decreto 81/2016, de 23 de xuño polo que se crea a categoría estatutaria de persoal de enfermeiro especialista, permitiu multiplicar por catro a dotación de prazas en tres anos.  

O devandito decreto senta as bases para a gradual implantación das diferentes especialidades de enfermería (enfermería familiar e comunitaria; a de saúde mental; a do traballo; a de pediatría; a de xeriatría; e a especialidade de coidados médicos-cirúrxicos). A aprobación do documento, un dos pioneiros no Sistema Sanitario español, permitiu aumentar a dotación de prazas en 35. Así, no exercicio orzamentario do ano 2016, a dotación de prazas eran 11; no 2107 foi de 30 e este ano, de 46. Tamén están dotadas no cadro de persoal do Sergas 76 prazas para a formación de residentes de diferentes especialidades de enfermería (EIR).
 
Durante a súa comparecencia, o conselleiro avanzou que no segundo trimestre deste ano, o Sergas convocará o procedemento do concurso específico para dúas especialidades concretas: a de enfermería de saúde mental e a de enfermería do traballo. Neste senso, o Sergas ten dotado no seu cadro de persoal de 94 prazas de enfermeiro especialista en saúde mental, e 4 de enfermeiro especialista en enfermería do traballo, ao obxecto de reforzar as unidades de saúde mental e as unidades de prevención de riscos laborais das xerencias, respectivamente.
 
A OPE do Sergas de 2017 inclúe 36 prazas para as especialidades de enfermería (20 para persoal enfermeiro especialista en saúde mental; 2 para persoal enfermeiro especialista en enfermería do traballo; 10 para persoal enfermeiro especialista en enfermería familiar e comunitaria, e 4 para persoal enfermeiro especialista en pediatría).
 
A selección temporal de persoal é outro dos marcos de actuación para incorporar de xeito progresivo profesionais especialistas en enfermería. E neste senso, Almuiña avanzou que este mes de abril publicaranse as listas definitivas para a selección temporal de persoal enfermeiro especialista en enfermería familiar e comunitaria, para a súa incorporación a servizos e unidades de atención primaria. Tamén explicou que as listas de selección temporal de enfermería especialista en pediatría xa están en fase de elaboración. O resto das especialidades de enfermería iranse incorporando en función  da formación de residentes EIR e da finalización dos procedementos excepcionais e transitorios de acceso ás especialidades competencias do Estado.
 
Concertos sanitarios na EOXI da Coruña
Por outra banda, o conselleiro afirmou que os concertos sanitarios na EOXI da Coruña en particular, e no restos das Xerencias, en xeral, se veñen realizando de xeito complementario aos servizos prestados polos Sergas dende hai décadas, a través dos instrumentos legais dispoñibles. “Trátase de servizos que complementan a oferta da actividade que se desenvolve desde centros propios e que supón unha porcentaxe reducida no total da actividade que se presta aos beneficiarios do Sergas”, dixo.
 
O titular de Sanidade subliñou na súa comparecencia no Parlamento que a utilización de recursos sanitarios concertados considérase complementaria e subsidiaria no ámbito do Sistema de Saúde de Galicia, pero que esta complementariedade necesaria non significa en ningún caso que a sanidade galega deixe de ser ao cento por cen pública. “As infraestruturas todas son públicas e seguirán sendo 100% públicas”, afirmou Almuiña. Na súa comparecencia, o titular de Sanidade indicou que o Sergas reduciu dende 2008  en 11 millóns o orzamento destinado á concertada. A porcentaxe destinada a concertos na EOXI da Coruña é dun 2,7%.
 
Neste senso, o DOG do 16 de marzo recolleu a publicación do expediente de contratación de asistencia sanitaria especializada, que se instrumentaliza como Acordo marco, e que ten como obxecto á contratación da prestación de servizos sanitarios a pacientes protexidos do Sergas da área da EOXI da Coruña.
 
Almuiña reafirmou a aposta do Sergas pola sanidade pública na área e enumerou algunhas das melloras levadas a cabo no CHUAC como a elaboración da II fase do Plan director (máis de 32 millóns), o novo bloque cirúrxico con 32 quirófanos, o quirófano híbrido, a nova Central de Esterilización (máis de 2,2 millóns) ou a reforma e ampliación das urxencias do Materno por 1,4 milóns, entre outros.
 
A EOXI da Coruña da cobertura sanitaria a unha poboación de 548.283 veciños de 36 concellos da provincia da Coruña, un 23,3% maiores de 65 anos. A Xerencia xestiona un orzamento de 662 millóns de euros e nas súas instalacións traballan 7.500 profesionais.
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss