NO DÍA MUNDIAL DA ATENCIÓN PRIMARIA, POÑER EN VALOR O TRABALLO DOS E DAS PROFESIONAIS NOS CENTROS DE SÁUDE DA ÁREA SANITARIA FERROLÁ
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
12 04 2018

No Día Mundial da Atención Primaria, que se celebra hoxe, dende a Xerencia Integrada de Ferrol, incídese no agradecemento ós máis de 600 profesionais de diferentes categorías que desenvolven o seu traballo neste ámbito, nos 23 centros de saúde e consultorios, e nos 8 Puntos de Atención Continuada (PAC). Eles fan posible os preto de dous millóns de actos sanitarios anuais que se producen na área sanitaria ferrolá, no nivel más achegado á poboaicón. Ademais, poñer en valor que cada vez se implican máis na continuidade asistencial do paciente establecendo vínculos de colaboración con outros profesionais do Complexo Hospitalario Universitario a través, entre outras cuestións, de teleconsultas e vías rápidas.

 
En total, no ano 2017, realizáronse un total de 1.971.176 asistencias no ámbito dos centros de saúde, 1.834.897 consultas nos centros de saúde, e 136.279 asistencias nos Puntos de Atención Continuada (PAC). Distribuíronse esas máis de 1.970.000 consultas de tal xeito que preto de un millón, un total de 968.883, foron consultas de Medicina Xeral, e 136.279 asistencias nos Puntos de Atención Continuada (PAC). Xunto con estas, 117.041 foron consultas destinadas á atención pediátrica. As e os profesionais de Enfermaría realizaron 618.317 asistencias; as e os especialistas en Enfermería Xinecolóxica (matronas), un total de 36.878; as e os odontólogos, un total de 36.374; e os e as hixienistas dentais, 5.147. A estas cifras, engádense as 43.882 xeradas por Farmacia, e as 8.375 de traballo social. Sen esquecer o traballo administrativo ou do persoal de servizos xerais.
 
Das case un millón de consultas que realizan ó ano os e as profesionais especialistas en medicina familiar e comunitaria dos centros de saúde, tan só derivan ós facultativos especialistas do Complexo Hospitalario un total de 114.886 actos, cifras que amosan a alta capacidade de resolución no ámbito máis achegado á cidadanía. Os profesionais dos centros de saúde solicitaron un total de 92.296 análises clínicas, e 45.218 probas radiolóxicas.
 

Ademais, a poboación ten á súa disposición profesionais cualificados para a valoración inicial, o seguimento de pacientes, e o desenvolvemento de accións preventivas e de promoción da saúde, como a vacinación, por exemplo, e, igualmente, para a realización de moitos actos complementarios que achegan á cidadanía probas que favorecen que non teña que se desprazar ó centro hospitalario como, entre outras, electrocardiogramas (12.607 no ano); retinografías (6.599); espirometrías (3.433); ou ecografías (601).
En termos xerais, interveñen intensivamente nos programas de saúde relativos á muller, ó neno e ó crónico; ou como o da anticoagulación oral ou prevención tabaquismo, cun seguimento da poboación no ámbito máis achegado; pero realizan tamén cada vez máis cirurxía menor ambulatoria; e estas intervencións foron realizadas tanto polos especialistas en Medicina Familiar e Comunitaria e de Pediatría como pola Enfermaría, a os profesionais de Odontoloxía. De feito, participan en actividades de formación nas que, a iniciativa dos cirurxiáns do centro hospitalario e destes profesionais de Medicina Familiar e Comunitaria, prodúcese un achegamento para a abordaxe de cirurxía menor. Este pasado ano 2017, realizaron un total de 7.961 intervencións, un 18% máis (1.227), que no ano anterior 2016, que eran un total de 6.734.

 
Intervencións estruturais nos centros de saúde
Por outra banda, lembrar que continuamente estanse a facer intervencións de mellora en case a totalidade dos centros de saúde; e tan só en dous anos a poboación de Ferrol estrea dous novos centros (A Capela e Ares); e estase a traballar xa na licitación do novo centro de saúde de Narón. Neses mesmos dous anos, 2016 e 2017, investíronse un total de 519.326 euros euros para mellorar case a totalidade dos centros, tanto para a poboación como para a comodidade dos propios profesionais. A poboación do Concello de A Capela comezaba a atenderse novo centro no decembro pasado. Investíase un importe de 625.531 euros, ó que hai que engadir os 18.000 euros investidos en equipamento.
 

Por outra banda, o edificio do novo centro de saúde de Ares estase a construír na parcela do antigo centro de saúde, no casco urbano da vila, e noutra traseira a esta (de case 600 m2) que foi cedida polo goberno local á Xunta para poder levar a cabo as obras. A actuación pretende a ampliación e a modernización do centro que duplicará o seu espazo e aumentará os seus servizos.  A superficie total construída entre os tres andares será de 1.354 metros cadrados, dos cales 1.174 serán útiles. O contrato para o novo centro de saúde foi adxudicado á empresa Construcciones Ángel Jove S.A.U., cun orzamento de 1.706.747,45 €; ó que hai que sumar os 103.000 euros en equipamento. Estímase que o centro de saúde estará rematado este verán.

No que se refire ó novo centro de saúde de Narón, o pasado novembro presentábase  o proxecto de construción do novo centro, que conta cun orzamento de 5.476.294 euros. Trátase dunha parcela de 6.142 metros cadrados cedida gratuitamente polo concello. A construción deste novo centro de saúde terá unha superficie total construída de preto de 4.300 metros cadrados.
 

No caso da cidade de Ferrol, o centro de saúde Fontenla Maristany estivo sometido a diversas obras ó longo do pasado ano 2017, que se suman á reparación da cuberta e do patio interior que xa comenzaba en 2016. Colocouse tarima flotante e rodapé nalgunhas zonas; limpouse, saneouse e reconstruíuse tamén a cuberta plana; estableceuse un dispositivo se seguridade no ascensor; reformouse a consulta de matrona, e fixéronse reparacións nos dormitorios do PAC. No de Caranza, acometeuse o pintado interior e exterior de todo o centro e de portas, e a dotación dun novo ascensor. En Serantes, a reparación de cuberta, o barnizado da fachada e a substitución de cristais.

O centro de As Pontes recibiu diverso equipamento e acometéronse as obras necesarias para a ampliación do servizo de Fisioterapia, mediante a adaptación e redistribución de espazos no andar soto. No concello de Cedeira, tamén nos últimos meses, acondicionábase o antigo local de arquivos para ofrecer unha mellor atención no ámbito das extraccións, creando unha sala específica para esta prestación. Ademais, habilitouse tamén un espazo para situar o novo retinógrafo. En Cerdido, reparábase a cuberta; e en Moeche a cuberta e a fachada.
 

No centro de saúde de Mugardos, igualmente, nos últimos meses, realizouse a dotación de ascensor para mellorar a accesibilidade dos pacientes entre plantas. Adxudicouse a reforma e redistribución de espazos da planta baixa, zona que conta así con consulta médica e de enfermería de pediatría, sala de espera de pediatría, e sala de educación maternal. Na actualidade, acométese a reforma da sala de extraccións e a dotación dun baño adaptado. No centro de saúde de Ortigueira, actuouse sobre a climatización e a reparación de cuberta. En Pontedeume, tamén se mellora a climatización, a cuberta, e as fiestras. En San Sadurniño, a cuberta. Por último, no caso do centro de saúde de Valdoviño, realizouse a adaptación dun local para sala de extraccións con catro postos e do mostrador de cita previa. En breve, darán comezo tamén as obras necesarias para a dotación dunha sala de educación maternal e a ampliación da actual consulta de matrona.
Estes investimentos reflicten as actuacións sobre as infraestruturas en favor da poboación e dos profesionais dos centros de saúde, que levan o peso da asistencia sanitaria máis achegada, á que hoxe se lle dedica o Día Mundial da Atención Primaria.
 
 
SAÚDOS,
COMUNICACIÓN XERENCIA INTEGRADA DE FERROL.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss