Almuiña destaca o papel do sector farmacéutico para acadar unha sanidade máis accesible á cidadanía
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
12 04 2018
O  conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, remarcou hoxe, no acto de celebración do centenario do Colexio de Farmacéuticos de Ourense, “a importancia do sector farmacéutico, e de que funcione como peza complementaria do servizo público de saúde para alcanzar unha sanidade máis accesible á cidadanía”.
 

Destacou, tamén, a colaboración que, de forma permanente, o seu departamento mantén cos colexios farmacéuticos de Galicia, en temas como a receita electrónica, no que, a nosa Comunidade, foi pioneira, “e tamén polas achegas que fixeron ao anteproxecto de Lei de Ordenación Farmacéutica, que actualizará a regulación das farmacias galegas para adaptalas aos cambios normativos dos últimos anos e á nova realidade social”.

Entre as novidades que introducirá a nova Lei, o conselleiro destacou “a axilización dos concursos públicos para as novas farmacias; a regulación da venda de produtos sanitarios por Internet; e a introdución da posibilidade da atención farmacéutica a domicilio”.

Tal e como remarcou Almuiña, o obxecto desta Lei “é a regulación da atención farmacéutica en Galicia, entendida como un servizo de interese público que comprende un conxunto de actuacións que deben prestarse en todos os niveis do noso sistema sanitario”. As actuacións deben dirixirse, -dixo-, “a garantirlle á cidadanía o acceso rápido, eficaz, oportuno, equitativo e racional aos medicamentos e produtos sanitarios que precise”.
 
Unha atención farmacéutica que, -segundo o conselleiro-, “contribúa a facer un uso racional e eficiente dos medicamentos, e que sempre deberá ser prestado baixo a responsabilidade e supervisión dos profesionais farmacéuticos”.
 

O titular da carteira sanitaria do Executivo galego amosou a predisposición da Consellería de Sanidade “a seguir colaborando no futuro en proxectos conxuntos coa fin de proporcionar, entre todos, a mellor asistencia sanitaria posible a todos os galegos”.

Traballo e entrega
Almuiña remarcou “o traballo e entrega á profesión que caracteriza aos boticarios e sobre todo aos ourensáns, que exercen a súa actividade nunha terra con máis de 80 concellos de menos de 5.000 habitantes, coa poboación máis anciá de Galicia, que fai especialmente valiosa a súa aportación como sanitarios garantes do bo uso do medicamento”. Ao respecto dixo que “exercen a súa profesión sabendo que son unha peza fundamental dentro do noso sistema sanitario”.

Como parte activa deste patrimonio colectivo que representa a sanidade pública, “estou seguro que compartides cos profesionais sanitarios e coa Administración autonómica a responsabilidade de facer efectivo o dereito á saúde que nos asiste como cidadáns e, por conseguinte, o permanente reto de incrementar o alcande do noso sistema sanitario”.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss