OFTALMOLOXÍA E OTORRINOLARINGOLOXÍA DO CHUF RESOLVEN UNS 15 CASOS DE OBSTRUCCIÓN DA VÍA LACRIMAL Ó MES NA NOVA UNIDADE DE VÍAS LACRIMAIS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
13 04 2018

Os profesionais dos Servizos de Oftalmoloxía e de Otorrinolaringoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol traballan conxuntamente para ofrecer unha mellor prestación á poboación da área sanitaria ferrolá na nova Unidade de Vías Lacrimais, que conta cunha consulta e un día de quirófano específico para esta patoloxía. Nesta unidade, que é a única en Galicia na actualidade con estas características, resolven uns 15 casos ó mes de obstrución das vías lacrimais.

 

A intervención das vías lacrimais, normalmente por mor dunha obstrución, é a terceira cirurxía máis frecuente no Servizo de Oftalmoloxía de Ferrol, tralas cataratas e a patoloxía das pálpebras, alcanzando os problemas de retina, que ocupaban este posto en anos anteriores. Normalmente, maniféstase cun exceso de lágrima no ollo, porque se obstrúe a vía lacrimal que a evacúa, e que comunica a bolsa lacrimal co nariz.
 
As causas da obstrución son múltiples, e, entre outras, comprenden dende o deterioro propio da vellez ou causas hormonais, pólipos ou rinites alérxicas, ata fracturas do maxilar superior por un traumatismo, ou malformacións palpebrais, que provocan que o ollo non poida drenar, e a continua limpeza externa desa lágrima pode provocar infeccións. Normalmente, afecta a persoas maiores de 50 anos, e en maior grao a mulleres, xa que o período de menopausa pode influír.
 
Unha vez diagnosticada a obstrución, os facultativos de Oftalmoloxía e Otorrinolaringoloxía valoran conxuntamente ó paciente neste consulta específica no Hospital Naval do Complexo Universitario; e determinan a intervención necesaria de xeito igualmente conxunto, co que o índice de éxito da intervención crece.

Na área sanitaria ferrolá, esta patoloxía abórdase de xeito externo, endonasal, ou por láser trascanalicular, que é a máis habitual; e son os profesionais, quen, segundo a afectación, anatomía e condicións do paciente determinan a abordaxe do mesmo. Habitualmente, realízase unha nova comunicación entre o ollo e o nariz, cun traballo colaborativo no que o especialista en Otorrinolaringoloxía facilita que  o oftalmólogo vexa a actuación que está a facer co láser. A lesión é mínima, na actualidade, e soe ser con cirurxía ambulatoria e anestesia local.
 
 
Colaboración entre distintos Servizos
O Servizo de Oftalmoloxía colabora tamén con outras especialidades para enriquecer a atención sanitaria dos pacientes da área sanitaria ferrolá. Así, conta tamén cunha Unidade multidisciplinar de Uveíte, que foi igualmente a primeira deste tipo en se crear en Galicia. Activábase en xaneiro de 2011.
 

En xeral, no Servizo de Oftalmoloxía, realizáronse, no pasado ano 2017, un total de 27.078 consultas, e 1.595 intervencións, das que o 98% realízanse de xeito ambulatorio, isto é, sen ingreso. Atendéronse 2.536 urxencias relacionadas con esta especialidade. Pola súa banda, en Otorrinolarongoloxía, realizáronse un total de 13.873 consultas durante o pasado ano, e 414 intervencións, e o 92% requiriron ingreso. Producíronse 490 urxencias relacionada con esta especialidade.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss