O CHUAC pon en marcha o programa “LEMBRA” para o aviso aos móbiles dos acompañantes dos pacientes cirúrxicos sobre a evolución da súa intervención
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
16 04 2018

 

O Hospital A Coruña acaba de implantar un novo sistema de avisos aos familiares dos pacientes que están a ser intervidos nos seus quirófanos. Trátase dunha  plataforma de comunicación baseada no envío de SMS que chegan ao teléfono da persoa que o paciente ou os seus achegados designaron como contacto. O obxectivo desta iniciativa non é outro que manter informados aos acompañantes dos pacientes do curso da cirurxía, sen que teñan que estar fisicamente na sala de espera de quirófanos durante todo o tempo da intervención.
 
As mensaxes son enviadas desde o propio ordenador do quirófano mediante a plataforma LEMBRA, polo que a comunicación entre o equipo cirúrxico encargado da intervención do paciente e a familia é directa e rápida. O persoal autorizado para o envío só ten que introducir o número de contacto facilitado polo acompañante e escoller o tipo de mensaxe que se vai a enviar.
 
Hai dous tipos de mensaxes segundo a situación en que se atope a intervención. Unha, para avisar de que xa rematou: “Informámoslle de que a cirurxía finalizou e estamos a preparar a saída do paciente. Acuda á sala de espera de familiares e agarde a ser chamado polo persoal sanitario para ser informado. Grazas”. A segunda, para confirmar que se segue a operar ao paciente, emprégase nas intervencións longas ou que se prolongan máis do esperado: “Para a súa tranquilidade informámoslle que a cirurxía segue o seu curso. Ao finalizar enviarémoslle unha nova mensaxe”.
 
O sistema está integrado na plataforma de SMS corporativa do Servizo Galego de Saúde. Desta forma, cada mensaxe chega exclusivamente coa “firma de procedencia” do Sergas e co saúdo final de “Hospital A Coruña”.
 
O servizo ten como único obxectivo mellorar a atención aos usuarios e asegurar a tranquilidade de familiares ou acompañantes no Hospital A Coruña.
 
Desta forma os familiares ou achegados poden moverse por outras zonas do hospital, no convencemento de que serán avisados con tempo suficiente para acudir aos puntos de información. A iniciativa enmarcase dentro das medidas de humanización da atención a pacientes e acompañantes que implantou a EOXI de A Coruña.
 
O Hospital A Coruña dispón dun bloque cirúrxico, inaugurado o pasado mes de novembro, que conta con 18 quirófanos e unha zoa de espera para os familiares dos pacientes que están a ser intervidos cirúrxicamente nese momento.
 
Vantaxes
Os acompañantes dos pacientes encontran, entre as súas vantaxes, a da tranquilidade de saber cando remata a operación e a de que se lles vai informar, sen a necesidade de estar permanentemente na sala de espera ou sempre atentos e vixilantes a calquera persoa que, con uniforme sanitario pase por esa zona. Evítase así a sensación de incerteza que  produce moita inquedanza.

 

É unha forma máis doada tanto para os familiares dos pacientes como para os cirurxiáns: os primeiros porque só teñen que estar atentos aos seus móbiles, sen a angustia de permanecer la sala de espera durante horas; e os segundos porque poden informar aos pacientes dunha forma máis axeitada, que mellora a privacidade e o bo trato.
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss