Sanidade pide a implicación da cidadanía para conseguir que todas as praias de Galicia estean libres do fume do tabaco
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
27 04 2018

​“Conseguir que todas as praias do noso litoral estean libres do fume do tabaco é un reto que so acadaremos coa implicación de toda a cidadanía galega”. Así o manifestou o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, que foi a autoridade encargada de pronunciar a conferencia inaugural do II Congreso Internacional de Seguridade, Emerxencias e Socorrismo. O título da conferencia foi: Praias sen fume: un proxecto de saúde e protección natural feito realidade.

O titular da carteira sanitaria do Executivo galego sinalou que a Rede galega de praias sen fume naceu “cun fin educativo e de sensibilización social”. Ampliar a delimitación do consumo de tabaco ás praias permite,-segundo remarcou Almuiña-, “avanzar en políticas de espazos sen fume, cambiando a percepción social sobre o consumo de tabaco, e convertindo este entorno en educativo e preventivo”.

Segundo o conselleiro, “o fin deste proxecto é promocionar unha vida sen tabaco, desnormalizar o consumo de tabaco na sociedade, reforzar o papel modélico positivo dos pais e, ademais, promover praias que respecten e coiden o medio ambiente aunando así obxectivos de saúde coa protección medioambiental”.

 

O conselleiro sinalou que esta iniciativa púxose en marcha no Concello de Baiona no ano 2012, e a positiva resposta da poboación fixo que os anos seguintes outras praias deste municipio se sumaran. No ano 2016 decidiuse ampliar a toda Galicia, nacendo así a Rede Galega de Praias sen Fume.
 
Almuiña dixo que xa existen dous concellos, Baiona e Corcubión, que teñen todas as súas praias declaradas sen fume, o que os fai merecedores da acreditación máxima (categoría de ouro); e catro concellos, Redondela, Ortigueira, Mañón e Cabanas, xa son categoría de prata, ao ter declaradas sen fume a metade ou máis praias do seu territorio.
 
Galicia pioneira
O máximo responsable da sanidade pública galega destacou que a iniciativa Praias sen fume está a ser moi valorada por outras autonomías, como algo innovador e atractivo, destacando o seu carácter participativo e voluntario, sen multas nin vixilancia, “o que fai que moitos territorios soliciten a nosa colaboración xa que Galicia é un referente para a súa implantación”.
 
Almuiña remarcou que os concellos que deciden participar se comprometen a identificar e sinalizar as praias seleccionadas, con materiais creados ao efecto facilitados polo Programa galego de promoción de vida sen tabaco. Ademais, deben desenvolver actividades ao longo do ano con accións encamiñadas a conseguir unha sociedade libre de tabaco e difundir entre a súa poboación folletos informativos e de sensibilización.
 
O conselleiro fixo referencia a que o seu departamento está pechando nestes momentos a participación para conformar a Rede de 2018. A tal efecto, enviouse información a todos os concellos invitándolles a participar. “A resposta está a ser positiva como en anos anteriores e seguimos crecendo a bo ritmo. Neste intre, contamos con 37 concellos, dos que 10 participan por vez primeira, e 67 praias, das que 22 son novas” e outro concello con categoría de Ouro, Rianxo.
 
O titular da carteira sanitaria sinalou a novidade de que as praias fluviais formen parte da rede. Xa está a praia fluvial de A Calzada en Ponte Caldelas, e incorporáronse á rede 5 praias fluviais de Ourense e dous de Lugo.
 
Para rematar a súa intervención, Almuiña incidiu en que “hai que seguir a traballar para aumentar a concienciación dos usuarios das praias, sen recurrir ás sancións, e poñendo en valor a saúde, especialmente a dos máis pequenos”. Ao respecto, Sanidade reforzará e utilizará estratexias de comunicación en positivo “para conseguir que sexan os propios usuarios os que pidan cada vez máis entornos libres de fume”. Ademais, Sanidade terá un recoñecento público ao traballo e esforzo daqueles concellos que amosen un maior compromiso con esta iniciativa, -concluiu-.
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss