O Sergas vai implantar en todos os seus hospitais o código sepse para a atención temperá dos pacientes
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
11 05 2018

​O Servizo Galego de Saúde ten previsto implantar, no segundo semestre deste ano, en todos os seus hospitais, o Programa Código Sepse. Así o destacou o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, na inauguración da XXXI Reunión anual da Sociedade Galega de Medicina Intensiva e Unidades Coronarias (Sogamiuc), que tivo lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel. 

O conselleiro destacou a importancia do protocolo Código sepse, que pretende estruturar, de forma adecuada, todos os procesos sanitarios para a atención temperá dos pacientes con sepse, é dicir, realizar un diagnóstico precoz e instaurar o tratamento antibiótico canto antes.
 
Tal e como remarcou Almuiña, en outubro do pasado ano constituíuse o grupo  de traballo para a implantación do Programa Código Sepse nos hospitais do Sergas e o departamento sanitario autonómico o está a concluír en todos os centros sanitarios de Galicia. No pasado mes de abril xa rematou o traballo de redacción do programa  e deseñouse un curso on-line autoguiado accesible para todos os profesionais do Sergas, que se abriu o pasado 4 de maio, coincidindo co Día Mundial para a Hixiene de Mans.
 
Segundo o conselleiro, o Sergas ten diferentes liñas de traballo para a mellora da calidade asistencial e a seguridade do paciente relacionadas coa vixilancia, prevención e control da infección nas unidades de coidados críticos. Entre estas medidas citou a estratexia de hixiene de mans, e a implantación dos Programas Bacteriemia Zero, Neumonía Zero e Resistencia Zero.
 
Para o titular da carteira de Sanidade  “todas estas medidas permiten xestionar de forma proactiva os riscos asistenciais así como evitar e minimizar os eventos adversos relacionados coa atención aos pacientes críticos; diminuíndo a morbi-mortalidade das persoas ingresadas nas unidades de coidados críticos e reducindo a súa estadía nelas”.
 
Almuiña afirmou que dende a Consellería de Sanidade se quere dar resposta ás necesidades dos pacientes que ingresan nas unidades de coidados intensivos así como das súas familias con medidas que permitan avanzar na humanización dos servizos e unidades de críticos. Ao respecto, Almuiña avogou pola flexibilización dos horarios de visita das unidades de coidados intensivos ou a mellora das infraestruturas e por facilitar a participación das familias nos coidados e presenza nos procedementos.
 
Cirurxía ortopédica e traumatoloxía
O titular da carteira sanitaria do Executivo galego tamén interveu, no Auditorio de Ourense, no acto inaugural do XXVII Congreso da Sociedade Galega de Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía, no que destacou que a actividade dos servizos de traumatoloxía, aumentou nos últimos anos case un 12% no que a intervencións cirúrxicas se refire, chegando a representar o 7% das intervencións que se realizan no Sergas. Tamén destacou que desas intervencións, o número das que se fan de xeito ambulatorio incrementouse un 28% nos últimos seis anos, e no pasado ano representaron xa un 25% das realizadas.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss