O conselleiro de Sanidade remarca a importancia do diagnóstico precoz e os hábitos de vida saudables para previr o cancro
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
11 05 2018
 

​O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, dixo hoxe, no Hospital Universitario Lucus Augusti, na inauguración do XXX Congreso da Sociedade Galega de Oncoloxía, que Galicia dispón dos recursos encamiñados á prevención e ao diagnóstico precoz do cancro e, neste sentido, remarcou que “é necesario non esquecer a importancia de implicar a toda a sociedade en adoptar estilos de vida saudables”. Así, destacou a importancia de “cambiar os hábitos sedentarios, en especial nos nosos nenos e nenas e na mocidade, e mellorar a nosa alimentación, ademais de evitar o consumo de substancias que está a demostrar que se relacionan directamente coa aparición de neoplasias”.

No que se refire ao diagnóstico precoz, o conselleiro destacou que dende o seu departamento iniciouse, no ano 1992, un programa de detección precoz do cancro de mama que detectou ao redor de 8.000 cancros, “dos que preto dun 93% tiñan un estadío tumoral baixo e un 66% non tiñan afectación ganglionar no momento do seu diagnóstico”.

Ademais, -remarcou Almuiña-, no ano 2013, Sanidade puxo en marcha en Ferrol o programa de cribado de cancro de colon e recto, que, posteriormente, ampliouse a toda Galicia cuns resultados altamente positivos. Así, “o 52% dos cancros detectados foron diagnósticados en estadío 1”, o que contrasta co estadío dos cancros que se detectan en ausencia de cribado (14%).
 
Non se esqueceu de sinalar o conselleiro a importancia da implantación na nosa comunidade das vías rápidas, co obxectivo de axilizar e aumentar a efectividade e a eficiencia de todas as actuacións nos pacientes con patoloxía grave. Ao respecto dixo que o tempo de derivación dende o profesional de medicina de atención primaria ao especialista do hospital foi, no 2017, de 5,9 días. Estas vías rápidas, das que no pasado ano beneficiáronse 17.181 pacientes, están implantadas en todas as áreas para doentes con sospeita de proceso oncolóxico para cancro de mama, colon, pulmón, próstata, vexiga, otorrinolaringolóxico (cabeza e colo) e melanoma.
 
O titular da carteira sanitaria destacou, tamén, que o Sergas garante o compromiso de atender as enfermidades máis graves (prioridade 1) por baixo dos 30 días, cun tempo de espera media de 18 días.
 
Xunto o anteriormente sinalado, Almuiña dixo que 7.269 persoas beneficiáronse da garantía establecida coa entrada en vigor, o pasado 10 de xaneiro, do decreto de tempos máximos de atención sanitaria hospitalaria programada e non urxente de 60 días para intervencións cirúrxicas, e un máximo de 45 días para as primeiras consultas externas e para as primeiras probas diagnósticas en atención sanitaria hospitalaria programada e non urxente.

Por último, na correcta abordaxe do diagnóstico e tratamento do cancro, Almuiña destacou que o Sergas está a renovar e actualizar o equipamento de alta tecnoloxía cun investimento de 88 millóns en 8 anos, con 9 TACs instalados, 7 aceleradores lineais, 5 equipos de Resonancia Magnética Nuclear, 2 PET dixitais, ademais de salas de radioloxía, mamógrafos dixitais ou salas de intervencionismo vascular.

 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss