UN TOTAL DE 29 ALUMNOS DE ESTADOS UNIDOS E CANADÁ ROTARÁN POLA XERENCIA INTEGRADA DE FERROL ESTE VERÁN
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
14 05 2018

Un total de 29 estudantes de Estados Unidos e Canadá aprenderán este ano 2018 nos centros da Xerencia Integrada de Ferrol, no marco do programa Atlantis. A directora de Procesos de Soporte, Fernanda López Crecente; e o responsable de Docencia, Ramón López de los Reyes, dábanlle esta mañá a benvida, no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. Estes 29 estudantes de Ciencias da Saúde de Estados Unidos e Canadá rotarán por 18 especialidades da Xerencia Integrada de Ferrol, durante os meses de verán, en tres quendas.
 

A primeira que comeza hoxe, con nove alumnos e alumnas, alongarase ata o día 24 do presente mes. Nesta ocasión, son todos da mesma Universidade, University of Northern de Colorado, e acode tamén unha profesora. Posteriormente, outros dous grupos de 10 alumnos cada un distribuiranse nos meses de xuño e xullo; e de xullo e agosto. Como centro docente universitario, o Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol acollerá a estes alumnos do programa de prácticas de observación en hospitais, Atlantis. Son estudantes de Ciencias da Saúde, do que se denomina pre-health, e que se asemella co pregrao na formación aquí.
 
Esta actividade desenvólvese no marco dun convenio de cooperación educativa asinado entre o Servizo Galego de Saúde e o St. Mary's Institute for Educacional Excellence (SMI), e implica a realización dun programa de prácticas de observación en centros sanitarios galegos. Esta colaboración comezaba en maio do pasado ano 2016. Trátase de prácticas de curta duración en diversos servizos, sobre todo naqueles nos que sexa posible observar técnicas.
 
No marco deste convenio de colaboración, o Sergas oferta as prazas; e o centro hospitalario, grazas á colaboración dos servizos, determina as especialidades onde estes alumnos rotarán; e, tamén, establece as datas. Pola súa banda, o SMI dá a coñecer o sistema sanitario galego e a comunidade autónoma nas universidades americanas. Ademais, estes estudantes desenvolven actividades de colaboración e voluntariado naqueles servizos nos que realizan as súas prácticas de observación, como  colaboración en traducións, ou outras actividades que cada departamento considere de interese.

 

Ámbalas dúas institucións consideran interesante este intercambio, na medida en que “se desenvolven tanto vínculos con futuros profesionais da saúde de Estados Unidos e Canada”; como “de relación con distintas Universidades”. As actividades de colaboración son extensibles á comunidade e supoñen a promoción de Galicia noutros ámbitos, xa que contan con días libres para coñecer as cidades onde desenvolven a súa actividade.
 
SAÚDOS,
COMUNICACIÓN DA XERENCIA INTEGRADA DE FERROL.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss