O SISTEMA QUENDAS ARRANCOU HOXE NO CENTRO DE SÁUDE DE FENE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
15 05 2018

O sistema de xestión de citas Quendas arrancou hoxe no centro de saúde Fene. Lembrar que Quendas é un sistema organizado de chegada dos pacientes ás consultas, que facilita e ordena o acceso, protexendo os datos e a intimidade da poboación. Na actualidade, xa está en marcha no Hospital de Día Oncolóxico do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol; este mesmo mes, activábase nos centros de saúde de Narón e de Fontenla; e hoxe púñase a disposición dos e as profesionais e pacientes do centro de saúde de Fene.

Ó longo do día de hoxe, persoal do equipo implantador está no centro para resolver dúbidas e apoiar ós profesionais. O seguinte chanzo será a activación nas consultas externas do Centro de Especialidades do Hospital Arquitecto Marcide. No centro de Especialidades, xa se está a emitir información nas pantallas das salas de espera para que a poboación vaia coñecendo o sistema.
 
Este sistema permite que a persoa que acude á cita solicitada acceda xa á súa quenda cando chega ó centro sanitario, coa súa Tarxeta Sanitaria, nas máquinas habilitadas para iso. Estas máquinas imprimen un papel cun código que se corresponde coa consulta á que hai que se dirixir e a quenda correspondente. Cando se chega a sala de espera, unha pantalla reflicte eses códigos, e indica cando corresponde o inicio da atención e a que porta dirixirse. En paralelo, o listado de códigos de citas vanse movendo cun son de aviso, para alertar o paciente que espera pola súa quenda.
 

Vantaxes do sistema
Quendas implica rematar co uso do nome e apelidos do paciente para o chamamento, preservando a confidencialidade da persoa. Ademais, axúdalle tamén na orientación xa que lle di, segundo o caso, a que andar do centro sanitario dirixirse, e a porta concreta na que lle corresponde a atención. Esta persoa sabe así a sala á que dirixirse, a porta, e como vai o chamamento. Evita, igualmente, ó usuario a incerteza de saber se ten que esperar a que o chamen, ou ben avisar da chegada.
 

Pola súa banda, o profesional sabe xa así cando chegou o paciente que lle corresponde, e que está na sala, o que lle permite chamalo directamente. Dálle liberdade tamén para que, se ten que facer unha actividade intermedia con ese paciente -probas ou resultados para o diagnóstico- poñelo en espera, e volver chamalo cando o precise. Este sistema tamén simplifica os trámites no caso de que sexa necesaria a atención dobre de facultativo e de Enfermaría, xa que permite a emisión da dobre cita.
Se hai algún problema coa Tarxeta Sanitaria, a causa de, por exemplo, un problema de lectura da banda magnética, é posible o acceso a Quendas co número do DNI.   Reiterar novamente que dende a Xerencia Integrada de Ferrol queren agradecer a colaboración dos profesionais, tanto sanitarios como non sanitarios, para poder pór  en marcha esta iniciativa de mellora para a poboación; e, tamén, pedir desculpas por adiantado por calquera trastorno que se produza pola estrea desta nova ferramenta, que require de un modo de adaptación.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss