Pediatría de Santiago premiada no Congreso Nacional de Sociedade Española de Inmunoloxía clínica, alerxia e asma pediátrica
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
16 05 2018

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2018.- O servizo de Pediatría da área Sanitaria de Santiago de Compostela ven de ser premiado cunha bolsa de investigación na XLII edición do Congreso da Sociedade Española de Inmunoloxía Clínica, Alerxia e Asma Pediátrica (SEICAP) por un estudo que versa sobre un importante tipo de alerxia alimentaria, a Síndrome aguda de enterocolite inducida por proteínas alimentarias ou FPIES (Food- Protein Induced Enterocolitis Syndrome). O traballo, presentado no congreso polo pediatra José Domingo Moure González, estuda o FPIES, un tipo de alerxia alimentaria tardía que afecta principalmente a lactantes e nenos pequenos cando o alimento implicado é introducido na dieta.

 

Preséntase como episodios agudos de vómitos repetitivos entre 1 e 4 horas trala inxestión, xeralmente asociando letarxia, palidez, diarrea e/ou hipotensión. Ata un 50% de pacientes presenta shock, co que pode ser unha reacción ameazante para a vida e pode requirir tratamento intensivo urxente e pode presentar outros cadros agudos graves, como sepse. Ata o de agora non existe ningún test diagnóstico polo que recoñecer este cadro como alerxia alimentaria é en ocasións moi difícil.
A XLII edición do Congreso da Sociedade Española de Inmunoloxía Clínica, Alerxia e Asma Pediátrica (SEICAP) tivo lugar no Palacio de Congresos de Málaga e reuniu a máis de 400 profesionais médicos, nacionais e internacionais de distintas especialidades como pediatría hospitalaria, alergoloxía, pediatras de atención primaria e profesionais de enfermería para debater sobre os estudos recentes relacionados con alerxias na poboación infantil. Tamén se celebrou a X Feira da Saúde en Alerxia, con actividades para as familias como talleres de cociña, xogos e casetas sobre alerxias alimentarias e respiratorias, anafilaxe e enfermidades inmunolóxicas.
Traballo multicéntrico internacional dirixido desde Santiago
O traballo premiado é sobre un estudo multicéntrico dirixido desde o Hospital Clínico Universitario de Santiago e o Imperial College de Londres, onde participan 10 hospitais de España (H. Sant Joan de Deu, H. Vall d`Hebron, H. Materno-Infantil Teresa Herrera, H. Severo Ochoa, H. Gregorio Marañón, H. Clínico San Carlos, H. Miguel Servet, H. Regional Universitario de Málaga, H. General de Alicante) e o Hospital St Mary do Reino Unido. O obxectivo do estudo é buscar biomarcadores proteómicos, transcriptómicos, xenéticos e epixenéticos que sirvan para realizar un diagnóstico precoz de FPIES no momento agudo do inicio, así como para predicir a súa evolución, e con iso, previr os episodios repetidos e a necesidade de tediosas e pouco sensibles probas diagnósticas actuais.
Agora, apunta José Moure “facemos provocacións sucesivas, que son necesarias xa que polo momento é a única proba para comprobar se o paciente se volveu tolerante a un alimento co que tivo problemas, cos riscos que iso conleva". “Grazas a este procedemento podemos ofertarlle ás familias unha alternativa segura, aínda que non exenta de riscos durante o proceso, ás dietas de eliminación que viñan facendo" sinala o José Moure, doutor en Pediatría que desempeña o seu labor asistencial na Unidade de Alergoloxía e Pneumoloxía Pediátrica do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. "Apoiándonos nos resultados de distintos estudos, comezamos a realizala en etapas cada vez máis precoces", engade.
O traballo está coordinado pola Dra. Marta Vázquez Ortiz, alergóloga pediátrica do Imperial College de Londres e o Prof. Federico Martinón Torres, xefe de Servizo de Pediatría do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, a través do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (idis). Neste sentido Federico Martinón apunta “que se trata dun proxecto moi transgresor, no que partimos dunha metodoloxía de investigación que coñecemos en profundidade e que nos deu moi bos resultados ata a data noutras áreas como as infeccións e as vacinas”. “Asociámonos cos principais clínicos de España nesta entidade, e estamos a buscar o financiamento necesario para levalo a cabo”, engade.
Recentemente o equipo de investigación de Pediatría recibiu unha doazón da asociación de pacientes de FPIES americanos, que xunto con esta bolsa da SEICAP, permitirá poñer en marcha este importante estudo “que cambiará a práctica clínica nunha entidade para a cal aínda non temos alternativas diagnósticas útiles e temos que facelo por exclusión”, asegura Federico Martinón. Pola súa banda, a Dra. Vázquez Ortiz, desde Londres manifesta tamén a satisfacción do equipo anglosaxón e puntualizaba “que aínda estamos a empezar, hai moita ilusión e un compromiso importante dos principais alergólogos pediátricos tanto de España como do Reino Unido”.


 

Saúdos

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss