O novo local de ADOS no Hospital Clínico achega a doazón de sangue aos veciños e veciñas da bisbarra santiaguesa
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
19 05 2018

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2018.- O novo local da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, na entrada principal do Hospital Clínico, supón unha notable mellora no servizo de atención permanente aos doadores e doadoras da bisbarra santiaguesa. As novas instalacións, que foron visitadas esta semana polo conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, dispoñen de consulta médica e sala de hemodoazón; con cinco postos de doazón, e nos que é posible doar do xeito convencional e polo sistema de aférese.

As novas instalacións, cunha superficie de ao redor de 75 metros cadrados, atópanse nunha localización preferente, accesible e de máxima visibilidade.
 
Así mesmo, desde a Axencia remárcase que este espazo supón un cambio estratéxico que achega a doazón ao entorno dos principais centros hospitalarios das sete grandes cidades galegas. Neste sentido, a localización privilexiada do local de ADOS convida a todos os usuarios e familiares de doentes a participar activamente nas campañas de doazón, así como a todos os profesionais do Hospital Clínico e aos estudantes da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago, dada a súa proximidade ao aulario deste centro académico.

O novo local ofrece un amplo horario de atención nas súas novas instalacións que permanecen abertas, de xeito ininterrompido, das 8 ás 22 horas, de luns a venres, e os sábados das 8 ás 15 horas. Asemade, co obxectivo de facilitar o acceso dos cidadáns que acudan a doar nos seus vehículos, entréganse vales de aparcamento.
Sanidade agradece a todos os doadores e doadoras de Santiago a súa elevada participación. Ademais, salienta que o local da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue en Santiago rexistra ao redor de 3.700 doazóns anuais, cifra que resalta a importancia da colaboración solidaria da cidadanía.
 
ADOS amosa o seu recoñecemento á Xerencia do Sergas en Santiago pola súa colaboración e compromiso co solidario xesto da doazón e por todas facilidades amosadas para a posta en funcionamento deste novo espazo de referencia para todos os doadores e doadoras da bisbarra santiaguesa.
 

Na visita, o titular da carteira sanitaria do Executivo galego estivo acompañado polo director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal; pola directora de ADOS, Marisa López; e pola xerente de Xestión Integrada, Eloina Núñez.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss